Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

Remata cun obradoiro en Lugo o ciclo de encontros de CCOO e a Fundación 1.º de Mayo sobre o futuro da enerxía eólica

    Comisións Obreiras e a Fundación 1.º de Mayo pecharon este venres, en Lugo, un ciclo de obradoiros que percorreu as catro provincias co obxectivo de promover o diálogo sobre o futuro da enerxía eólica en Galicia. Houbo sesións en Vigo, Ourense, Ferrol e A Coruña.

    13/06/2025.
    Xornada en Lugo sobre o futuro da enerxía eólica en Galicia

    Xornada en Lugo sobre o futuro da enerxía eólica en Galicia

    Os obradoiros forman parte do proxecto Sociedade, eólica e traballo; propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, un estudo que está a desenvolver a Fundación 1.º de Maio co apoio do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e financiado pola European Climate Foundation (ECF).

    O obxectivo é procurar propostas e consensos para un desenvolvemento sostible desta fonte enerxética que repercuta positivamente nos territorios e no emprego. A derradeira sesión tivo lugar na capital luguesa, coa participación, entre outros axentes, do alcalde de Muras, o municipio galego con maior número de aeroxeradores —máis de 380 muíños para unha poboación de 600 habitantes.

    Os cinco obradoiros celebrados nesta xeira —Vigo, Ourense, Ferrol, A Coruña e Lugo— entre os días 5 e 13 deste mes, reuniron persoas procedentes de diferentes ámbitos relacionados coa enerxía eólica, unha tecnoloxía renovable presente en Galicia desde hai décadas e que, tras unha primeira etapa de forte expansión, sufriu unha desaceleración ata o seu estancamento actual, debido en boa parte á xudicialización de numerosos proxectos.

    Durante as diferentes sesións, as persoas participantes expresaron as súas distintas perspectivas e exploráronse posibles propostas de consenso que permitan un desenvolvemento eólico equilibrado, que posibilite optimizar as vantaxes desta tecnoloxía, reducir os seus impactos negativos e garantir un retorno aos territorios que vaia máis alá das compensacións exclusivamente económicas.

    Eólica mariña

    Destes cinco obradoiros, catro dedicáronse á eólica terrestre, mentres que o de Ferrol se centrou na mariña, dialogando sobre o impacto no sector pesqueiro, a optimización da zonificación do espazo marítimo mediante criterios de protección ambiental ou o desenvolvemento dos proxectos eólicos no litoral galego de forma que se priorice o aproveitamento do tecido produtivo autóctono, entre outros aspectos.

    Transición enerxética ordenada e xusta

    O proxecto de CCOO e a F1M pretende contribuír ao diálogo entre os axentes actualmente en conflito pola enerxía eólica en Galicia, partindo da necesidade dunha transición enerxética ineludible e do imperativo de que esta se leve a cabo de forma ordenada e xusta, evitando os desequilibrios territoriais e compatibilizando a creación de emprego e a mellora das condicións de vida e traballo da poboación coa necesaria preservación do medio ambiente e do patrimonio natural e cultural.

    Ao remate do proxecto presentarase un documento que recolla as principais conclusións das discusións mantidas nos obradoiros, así como unha serie de propostas de actuación que permitan avanzar cara a unha transición enerxética en Galicia. Este documento será trasladado posteriormente ás representacións políticas galegas.