Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

Nova condena a Froiz por vulnerar os dereitos dunha delegada sindical de CCOO en Lugo

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar que Distribuciones Froiz vulnerou os dereitos fundamentais dunha delegada sindical de Comisións Obreiras (CCOO) na provincia de Lugo. A sentenza, datada o 4 de xuño, desestima o recurso presentado pola empresa e ratifica o fallo do Xulgado do Social n.º 1 da cidade, que xa en xullo de 2024 recoñecera a ilegalidade da sanción imposta á denunciante, presidenta do comité de empresa.

    18/06/2025.
    A Xustiza condena a Froiz por represaliar unha delegada sindical de CCOO | Imaxe de fondo: Google Street View

    A Xustiza condena a Froiz por represaliar unha delegada sindical de CCOO | Imaxe de fondo: Google Street View

    A traballadora fora castigada con catorce días sen emprego nin soldo como represalia polo seu labor sindical, en pleno contexto de mobilizacións pola negociación do convenio colectivo provincial de alimentación. O TSXG confirma agora que esta medida supuxo unha vulneración da liberdade sindical e obriga a empresa a anular a sanción, reintegrarlle os salarios descontados e indemnizala polos danos morais causados.

    Trátase da segunda condena contra Froiz por feitos similares en Lugo, o que evidencia —segundo CCOO— «unha liña de actuación reiterada para coartar a actividade sindical». A sentenza tamén recolle que esta conduta antisindical afecta outros representantes do persoal, polo que a súa dimensión «transcende o caso individual e adquire carácter colectivo», subliña o sindicato.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncian que Froiz «pretende castigar o exercicio lexítimo da representación do persoal mediante sancións arbitrarias e represivas». A organización sindical lembra que o dereito á representación e á acción sindical está amparado constitucionalmente e anuncia que seguirá acudindo á vía xudicial «todas as veces que sexa necesario» para garantir o seu respecto.

    Por último, CCOO esixe o cesamento inmediato das prácticas antisindicais e advirte de que continuará mobilizándose e actuando nos tribunais «para que se respecten a liberdade sindical e os dereitos laborais».