Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 1 Setembro 2025.

CCOO denuncia as condicións «inhumanas» en que Bandalux obriga a traballar o persoal de Celtic Estores

    CCOO denuncia que a empresa Bandalux está obrigando o persoal de Celtic Estores, en Moraña, a traballar en condicións «inhumanas», con temperaturas que superan «amplamente» os límites establecidos pola lexislación vixente. Durante os últimos tres días, rexistráronse no interior das naves valores por riba dos 38 graos, chegando a manterse por riba dos 35 incluso de noite.

    19/06/2025.
    CCOO denuncia temperaturas de ata 38 graos en Celtic Stores (Bandalux), en Moraña

    CCOO denuncia temperaturas de ata 38 graos en Celtic Stores (Bandalux), en Moraña

    O sindicato lembra que o Real Decreto 486/1997, que regula as condicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, establece que a temperatura en espazos pechados non debe superar os 25 graos. CCOO esixiulle á empresa a suspensión inmediata da quenda de tarde mentres non se poidan garantir esas condicións mínimas, pero a resposta da dirección limitouse á instalación dalgúns ventiladores industriais, unha medida «absolutamente insuficiente».

    Para CCOO, manter a actividade laboral nestas condicións supón unha «grave vulneración da legalidade» e, sobre todo, un «atentado contra a saúde do persoal». A organización sindical advirte do risco real de que se produzan golpes de calor que poñan en perigo a vida das persoas traballadoras.

    Comisións xa presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo, que anteriormente xa requirira á empresa a posta en marcha de medidas correctoras. CCOO critica que a dirección priorice a produtividade por riba da saúde do seu persoal, o que considera «inadmisible».

    Mentres se dan estas condicións nas naves de Moraña, Bandalux vén de construír un novo centro de traballo en Santiago de Compostela, destinado principalmente a persoal directivo e comercial, dotado con certificación Breeam de eficiencia enerxética. Pola contra, as instalacións de Celtic Estores son cualificadas polo sindicato como «un auténtico asador de polos». CCOO subliña que o persoal destas naves conta cunha alta cualificación profesional, pero está retribuído como operario, o que explica parte do crecemento empresarial do grupo.

    Finalmente, CCOO rexeita de forma categórica esta actuación «desaprensiva» por parte da empresa e esixe o respecto do dereito a traballar en condicións legais e dignas. Advirte que, de non atender estas reivindicacións, promoverá todas as medidas necesarias en defensa das persoas traballadoras, incluídas mobilizacións.