Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Xullo 2025.

Amelia Pérez: «Farta dos minutos de silencio. Abonda xa»

    Durante o 13.º Congreso Confederal de CCOO, que ten lugar do 19 ao 21 de xuño, a secretaria xeral de Comisións Obreiras de Galicia realizou un alegato feminista. Ante o último asasinato machista en España, rexistrado esta mesma semana, Amelia Pérez expresou a súa indignación e esixiu medidas contundentes.

    20/06/2025.
    Intervención de Amelia Pérez no 13.º Congreso Confederal de CCOO

    Intervención de Amelia Pérez no 13.º Congreso Confederal de CCOO

    «Estou farta dos minutos de silencio. Abonda xa», afirmou, engadindo que «se cada día se matase un político, un xuíz… adoptaríanse medidas contundentes». A sindicalista reclamou accións reais e urxentes fronte á violencia contra as mulleres e puxo o foco na necesidade dunha igualdade efectiva.

    «Queremos igualdade, por iso compartimos a transversalidade que é imprescindible nesta organización», sinalou, explicando que a Secretaría de Igualdade «non é só para falar de cousas de mulleres, é para falar de igualdade, de feminismo, do que importa».

    A dirixente de CCOO advertiu tamén da desigualdade que persiste nos espazos de representación e decisión dentro das negociacións colectivas. «A igualdade nas mesas onde se tratan estas cuestións debe ter o seu reflexo na súa composición, pois maioritariamente están integradas por compañeiros».

    Rematou a súa intervención cunha cita de Concepción Arenal, salientando que o nivel de civilización dunha sociedade será avaliado polo lugar que ocupan as mulleres, e pechou expresando a súa solidariedade co pobo palestino polo masacre que están padecendo os habitantes de Gaza.