Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

CCOO volveu recoller sinaturas en Lugo para pedir a mellora dos servizos municipais

    CCOO promoveu o xoves, 26 de xuño, unha nova recollida de sinaturas para pedir a mellora dos servizos municipais de Lugo. A mesa colocada polo sindicato diante do edificio administrativo do Concello contou cunha ampla participación cidadá.

    27/06/2025.
    CCOO colocou unha mesa en Lugo para reunir sinaturas a prol da mellora dos servizos municipais

    CCOO colocou unha mesa en Lugo para reunir sinaturas a prol da mellora dos servizos municipais

    Durante toda a mañá, foron moitas as persoas que se achegaron á mesa para amosar o seu apoio ás demandas expostas por CCOO. O sindicato denuncia a falta de persoal nos departamentos municipais, a desorganización na planificación dos recursos humanos e a ausencia de transparencia na xestión do goberno local.

    «O persoal municipal non temos a culpa da desorganización, nin de que se vulneren constantemente os nosos dereitos e condicións laborais», subliñan desde Comisións Obreiras. A sobrecarga de traballo está provocando unha «perda significativa na calidade» dos servizos que recibe a cidadanía.

    Entre as principais reivindicacións figuran a dotación inmediata de máis persoal para reducir esperas e axilizar trámites, así como unha mellora na eficiencia da atención ao público. Tamén se reclama máis transparencia por parte do executivo local, ao que acusan de evadir responsabilidades e de permitir o desmantelamento dos servizos públicos ao externalizar competencias a empresas privadas.