Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Xullo 2025.

Os sindicatos denuncian a inmobilidade da patronal na negociación do convenio de transporte de mercadorías da Coruña

    Os sindicatos anuncian mobilizacións se non hai avances reais na negociación do convenio de transporte de mercadorías da Coruña. Despois de catro reunións, as negociacións levan estancadas desde maio. Os sindicatos CCOO, UGT e CIG acusan as patronais Acotrades, Transcaf e Ascentra dunha actitude «inmobilista e irrespectuosa»: a única proposta empresarial consiste nun incremento salarial mínimo, sen atrasos nin revisións, e sen carácter retroactivo, limitándose a aplicar as subas desde o asinamento do convenio.

    30/06/2025.
    Camións circulando por unha autoestrada | Foto: Pixabay

    Camións circulando por unha autoestrada | Foto: Pixabay

    O anterior convenio provincial do transporte de mercadorías e loxística expirou o 31 de decembro de 2024. A mesa negociadora constituíuse o pasado 8 de maio e leva xa catro reunións, pero sen avances substanciais, segundo denuncian os sindicatos.

    CCOO, UGT e CIG coidan «imprescindible» recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos —estimado en máis dun 13 % respecto do IPC— e introducir melloras en dereitos sociais como a redución da xornada, a conciliación familiar e os permisos, cuestións «claves» nun sector marcado por longas xornadas laborais.

    Ante a negativa da patronal a abordar estas cuestións, os sindicatos advirten que non será posible continuar coa negociación sen un cambio de postura da patronal. De non se producir avances reais, anuncian a convocatoria de mobilizacións a curto e medio prazo.