Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Xullo 2025.

Bandalux segue a maltratar a saúde do persoal de Celtic Estores

    A continuidade das altas temperaturas e a ausencia dun sistema de refrixeración axeitado fan que traballar nas naves de Celtic Estores —especialmente nas quendas de tarde— resulte inhumano e mesmo perigoso para a saúde das traballadoras, denuncia CCOO, que hai varios días xa advertiu da situación.

    01/07/2025.
    CCOO denuncia temperaturas de ata 38 graos en Celtic Stores (Bandalux), en Moraña

    CCOO denuncia temperaturas de ata 38 graos en Celtic Stores (Bandalux), en Moraña

    Nunha guía recente do Observatorio de Saúde e Cambio Climático afírmase expresamente: «A temperatura a partir da cal a calor impacta na saúde é diferente en cada parte de España, dependendo da adaptación en cada rexión [...]. 28º C en Galicia poden ser máis prexudiciais para a saúde ca 37º C en Andalucía».

    Tras a denuncia presentada por este sindicato hai dez días, a empresa limitouse a aplicar medidas paliativas que, en ningún caso, logran que a temperatura máxima se achegue sequera aos 25º C que establece a lexislación. Lonxe de suspender provisionalmente a quenda de tarde, a dirección obriga a manter a actividade en condicións ilegais sobre as que, ata o momento, tampouco actuou a Inspección de Traballo.

    A actuación «irresponsable» da empresa supón unha verdadeira declaración de intencións: priorízase a produción mesmo á custa da saúde das persoas traballadoras, «porque o único que lle importa á dirección é manter os beneficios empresariais», denuncia CCOO.

    A falla dun sistema de refrixeración adecuado nas naves de Celtic Estores repítese verán tras verán, sen que a empresa adopte solucións, malia os requirimentos anteriores da Inspección de Traballo. Por iso, CCOO esixe que a Inspección dea un paso máis e, no uso das súas competencias, proceda a sancionar a empresa e obrigue á instalación inmediata dun sistema de refrixeración eficaz.