Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Agosto 2025.

Galicia mellora nos datos de emprego xuvenil, pero a mocidade continúa atrapada na precariedade e sen poder emanciparse

    A mocidade galega segue atrapada na precariedade e sen poder emanciparse, malia a mellora nos datos do emprego xuvenil. É unha das principais conclusións que se desprenden do Informe Juventud en España 2024, feito público polo Injuve hai poucos días. O documento amosa unha radiografía preocupante da situación da mocidade galega, pois persisten as barreiras para que as mozas e mozos poidan iniciar un proxecto de vida autónomo.

    04/07/2025.
    CCOO advirte de que sen políticas activas de vivenda, non hai futuro digno para a mocidade galega

    CCOO advirte de que sen políticas activas de vivenda, non hai futuro digno para a mocidade galega

    O informe destaca a mellora de certos indicadores, como a redución do abandono escolar (do 29,2 % no ano 2000 ao 9,1 % en 2023) ou a baixa taxa de mocidade que nin estuda nin traballa (menos do 11 %, fronte ao 13,2 % estatal).

    CCOO alerta de que ese avance no emprego xuvenil non se traduciu nunha mellora real das condicións de vida. A precariedade laboral, os contratos a tempo parcial e a dificultade de acceso á vivenda perpetúan a dependencia e impiden a emancipación. Galicia, onde só o 18 % da poboación é moza, está a perder talento e futuro por falta de políticas efectivas.

    Actuar sobre a vivenda

    A isto súmase un mercado de vivenda tensionado: o aumento constante dos prezos —moi por riba dos salarios— fai que moita xente nova non poida pagar un alugueiro sen destinar máis do 30 % dos seus ingresos, algo que contravén todos os estándares de equidade social. Os programas de aval para hipotecas, promovidos pola Xunta, tiveron un impacto moi limitado, ao tempo que o goberno galego se nega a aplicar a lexislación estatal na materia.

    CCOO advirte de que sen políticas activas de vivenda, non hai futuro digno para a mocidade galega. A vivenda debe ser recoñecida como o quinto piar do Estado do benestar, xunto coa sanidade, a educación, as pensións e a dependencia. É imprescindible garantir un acceso seguro, estable e asequible a este ben para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto vital.

    Para isto, CCOO propón aumentar o parque público de vivenda, especialmente en réxime de alugueiro; limitar os prezos en zonas tensionadas e regular os alugueiros turísticos; recuperar vivendas baleiras para uso social e residencial; garantir que o custo da vivenda non supere o 30 % dos ingresos das persoas inquilinas.