Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Agosto 2025.

CCOO denuncia perante a Inspección de Traballo as «condicións infrahumanas» na área sanitaria de Ourense por mor da calor

    A sección sindical da Federación de Sanidade de CCOO de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras denunciou perante a Inspección de Traballo as «condicións infrahumanas» en que o persoal sanitario debe facer o seu traballo. O sindicato denuncia «temperaturas asfixiantes» na meirande parte dos centro de saúde da provincia —que carecen de climatización—, así como en diversas zonas asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, pola falta de sistemas de refrixeración.

    02/07/2025.
    CCOO lembra que a lexislación obriga a manter unhas condicións de climatización para non prexudicar a saúde laboral

    CCOO lembra que a lexislación obriga a manter unhas condicións de climatización para non prexudicar a saúde laboral

    A normativa estatal obriga as empresas a adaptaren as condicións laborais cando a Aemet activa avisos de fenómenos meteorolóxicos adversos por altas temperaturas de nivel laranxa ou vermello, sempre que as medidas preventivas existentes non garantan a protección do persoal.

    Por esta razón, a Xerencia da Área Sanitaria «non pode escudarse en que esta vaga de calor os colleu de sorpresa», reprocha CCOO. Xa no mes de xuño do ano pasado, as delegadas de prevención de riscos laborais de CCOO advertiron de que este é un «problema recorrente» e reclamaron a adopción de medidas para mitigar os efectos das altas temperaturas.

    Actualmente, só 23 centros de saúde da área sanitaria de Ourense contan con climatización, segundo se informou no comité de seguridade e saúde. As unidades de hospitalización do Edificio Cristal carecen tamén deste sistema, igual que as consultas do Hospital Santa María Nai e as de Xinecoloxía. Esta situación está a provocar temperaturas superiores aos 30 ºC en moitas zonas de traballo, o que deriva en mareos, dores de cabeza e malestar xeral entre o persoal e os propios doentes.

    O Sergas négase a tomar medidas

    No último comité de seguridade e saúde, a finais de xuño, o portavoz do Sergas confirmou que non se ían adoptar medidas, nin sequera dotar de ventiladores os centros afectados —incumprindo así o que se prometera nunha xuntanza previa no mes de marzo.

    Por todo isto, CCOO afirma que a Xerencia da Área Sanitaria está a incumprir o seu deber como empregadora de garantir as mellores condicións posibles nos postos de traballo para preservar a saúde tanto do seu persoal como da poboación atendida nestes centros.