Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 31 Xullo 2025.

🔴 DÍA DA PATRIA GALEGA DE 2025

    CCOO de Galicia entende que é unha data para chamar ao diálogo e á concordia, rexeitando extremismos e actitudes intolerantes. O compromiso das traballadoras/es co seu país asenta na decisión de loitar a prol da xustiza social. O reto é construír unha Galicia que avance desde a solidariedade.

    29/07/2025.

    URL | C�digo para insertar

    O Día da Patria Galega é, por riba de todo, unha oportunidade para pensármonos como sociedade: quen somos, que queremos ser e como imos facelo posible. O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia séntese na obriga de lembrar que o futuro deste país non pode escribirse sen a voz da clase traballadora, sen un compromiso firme co ben común e sen unha defensa clara das liberdades e dos dereitos que tanto custou conquistar.

    Nun momento en que se cruzan ameazas vellas e novas —desde a precariedade ata o negacionismo climático—, temos que erguer unha Galicia que avance sen deixar a ninguén atrás. Un país que non lle dea as costas á mocidade, á xente maior, ás persoas migrantes ou ás mulleres. Que non permita que as desigualdades se volvan crónicas, nin que os servizos públicos —os que todas e todos financiamos— sexan entregados á lóxica do negocio privado. Un país que non tema dicir que o traballo digno é a base da liberdade e do progreso.

    A Xunta de Galicia segue infrafinanciando o ensino, desmantelando a sanidade pública e facendo un cambio nas políticas de dependencia que agudiza o desamparo de milleiros de persoas maiores. Son, evidentemente, decisións ideolóxicas que amosan a verdadeira cara deste Goberno na súa concepción do modelo de sociedade. O reflexo é o diálogo social que pode resumirse nun intercambio de informacións co Goberno galego, sen máis profundidade nin transcendencia.

    Na esfera política, o ruído medra arreo ata facerse enxordecedor. Non se utiliza a dialéctica para contrapoñer ideoloxías e xeitos de gobernar. Recórrese á mentira, a falla de rigor e as loiadas para construír realidades paralelas, sen ningún tipo de principios nin escrúpulos. O importante non é estar en política para mellorar a vida da xente, senón as cuestións exclusivamente electoralistas que un día defenden unhas posicións e ao seguinte, todo o contrario.

    A esta situación insostible súmase a expansión dos discursos dunha ultradereita totalmente desacomplexada, que manifesta abertamente estar aquí para acabar co feminismo, co dereito das persoas LGTBIQA+ a vivir en liberdade, coa migración, coa memoria democrática, coas liberdades civís e, por suposto, coas organizacións sindicais de clase; e, polo tanto, coa democracia. Hai valores que non admiten matices: a igualdade, a dignidade e a liberdade son irrenunciables.

    Desde CCOO entendemos que os retos que temos por diante son tanto sociais coma económicos. Defender unha sanidade pública forte non é só unha reivindicación laboral: é un acto de xustiza social. E outro tanto ocorre coa educación, coa atención ás persoas maiores, coas políticas de igualdade ou co acceso á vivenda. Se algo nos ensinou a pandemia —e seguimos pagando o prezo da lección— é que o benestar colectivo depende da solidez do público, non das promesas de eficiencia das empresas que veñen recortar onde máis doe.

    É imprescindible preservar o modo de vida no mundo; que os conflitos se resolvan pola vía diplomática. A invasión de Ucraína por parte de Rusia, o xenocidio do pobo palestino a mans de Israel… enfróntannos co peor do ser humano. En palabras de José Luis Sampedro, «levamos dous mil anos desde a Antiga Grecia, progresouse tecnicamente dunha maneira fabulosa, case inverosímil, pero seguimos matándonos uns a outros, non sabendo vivir xuntos neste planeta. O home non madurou bastante». Diante de todo iso, dicimos alto e claro: non á guerra, si aos dereitos, si á paz.

    Por iso, desde CCOO reiteramos que ningún ser humano é ilegal, que a memoria histórica é unha débeda coa verdade e que a loita sindical vai máis alá das táboas salariais. É tamén a defensa dunha sociedade democrática, plural e xusta. Estivemos e seguiremos estando en cada mobilización contra o machismo, contra o racismo, contra a destrución dos servizos públicos ou a mercantilización da información.

    Queremos aproveitar tamén esta data para chamar ao diálogo e á concordia, rexeitando extremismos e actitudes intolerantes; son leccións que aprendemos de quen nos precedeu, como o compañeiro Suso Díaz, o sindicalista que aos 14 anos entrou traballar no estaleiro Astano e a quen despedimos este mes de xullo.

    En definitiva, o reto non é pequeno: construír unha Galicia que avance desde a solidariedade, que faga da xustiza social o seu norte e da organización colectiva a súa forza. Sabemos que hai quen di que todo iso é política. Pois si: política sindical, política social, política dos dereitos humanos, política das persoas. Esa é a nosa política. E nela ficaremos sempre, porque somos desde hai máis de 50 anos as Comisións Obreiras de Galicia.

    O compromiso das traballadoras e dos traballadores co seu país, que se expresa colectiva e individualmente neste Día da Patria Galega, asenta na decisión de loitar nos próximos tempos a prol da xustiza social. Este sindicato comprométese a traballar para logralo. Con esta aspiración profunda de cambio e de transformación da sociedade galega, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia convoca a todas as galegas e galegos a participar nos actos de celebración do Día da Patria Galega.

    Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de GALICIA