Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Agosto 2025.

Teresa era unha profesional dedicada, ao coidado das persoas máis vulnerables da nosa comunidade.

CCOO convoca hoxe, 30 de xullo, ás 20.00h, unha concentración diante do Concello do Porriño

    A agresión sufrida pola traballadora do servizo de axuda no fogar falecida no Porriño, pon de manifesto, unha vez máis, a vulnerabilidade á que se enfrontan as traballadoras de axuda no fogar no desempeño das súas funcións. 

    30/07/2025.
    Concentración diante do Concello do Porriño 30/07/2025 20:00 h

    Concentración diante do Concello do Porriño 30/07/2025 20:00 h

    As CCOO de Vigo-Baixo Miño expresamos a nosa máis enérxica condena polo terrible asasinato da nosa compañeira Teresa, traballadora de axuda no fogar. Este execrable crime conmociónanos e sómenos na tristeza, deixando unha ferida indeleble no seo da nosa organización e en toda a sociedade.

    Teresa era unha profesional dedicada, que día a día entregaba o seu esforzo e vocación ao coidado das persoas máis vulnerables da nosa comunidade. O seu labor, esencial e a miúdo invisibilizado, é piar fundamental para garantir a calidade de vida de moitos fogares.

    A súa tráxica perda é un duro golpe para a súa familia e seres queridos, a quen envíamos o noso máis sentido pésame e todo o noso apoio nestes momentos de inconmensurable dor, e tamén para todas aquelas persoas a quen asistía e para o conxunto de traballadoras do sector.

    Este lamentable suceso pon de manifesto, unha vez máis, a vulnerabilidade á que se enfrontan as traballadoras de axuda no fogar no desempeño das súas funcións. A miúdo, estas profesionais expóñense a situacións de risco na soidade dos domicilios, sen as medidas de seguridade e os recursos adecuados para garantir a súa protección.

    É imperativo que as administracións e as empresas do sector asuman a súa responsabilidade e reforcen de maneira urxente os protocolos de seguridade, a formación en prevención de riscos (cumprindo o que esixe a normativa en prevención) e o acompañamento ás traballadoras.

    Non podemos permitir que a precariedade e a falta de medios poñan en perigo a vida de quen coida dos demais. Esiximos unha investigación exhaustiva e rápida para esclarecer os feitos e que se faga xustiza coa maior celeridade.

    Facemos un chamamento á unidade de todo o sector e á sociedade en xeral para erradicar calquera forma de violencia e para recoñecer e dignificar o labor das traballadoras de axuda no fogar. Hoxe, a UC de CCOO de Vigo-baixo Miño está de loito.

    Honramos a memoria de Teresa e comprometémonos a seguir loitando por unhas condicións laborais seguras e xustas para tódalas traballadoras do sector. Non esqueceremos a Teresa. O seu recordo impulsaranos a seguir adiante na defensa dos nosos dereitos. Descansa en paz, compañeira. 

    CCOO convocamos para hoxe, 30 de xullo, ás 20.00h, unha concentración diante do Concello do Porriño, Rúa Antonio Palacios, 1, 36400 O Porriño, Pontevedra

    Ligazón: CCOO manifesta as súas "condolencias e solidariedade" coa familia da traballadora do servizo de axuda no fogar falecida no Porriño.