Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO asina o novo convenio de alimentación en Ourense cunha suba salarial acumulada do 26,08 % en catro anos

    O sector de comercio-alimentación da provincia de Ourense contará cun incremento salarial acumulado do 26,08 % en catro anos tras a sinatura do novo convenio colectivo, ratificado en asemblea polas persoas traballadoras e asinado esta semana. O acordo tamén incorpora melloras sociais como máis días de vacacións, fins de semana de calidade garantidos e complementos económicos.

    29/07/2025.
    Concentración do persoal do comercio de alimentación de Ourense diante da sede de Gadis en Betanzos

    Concentración do persoal do comercio de alimentación de Ourense diante da sede de Gadis en Betanzos

    En 2025 aplicarase unha suba do 11,74 % (12,38 % no Grupo IV), que se completará cun 6,35 % en 2026 e dous incrementos do 3 % en 2027 e 2028. Ademais, recóllese unha cláusula de revisión salarial anual, cun tope do 2,5 % para 2027 e 2028, se o IPC supera os incrementos pactados.

    Entre as melloras sociais destacan o aumento das vacacións ata 32 días, a garantía de tres fins de semana de calidade ao ano, axudas escolares de 80 € mensuais e un complemento de nocturnidade do 20 %.

    Desde CCOO-Servizos Galicia salientan que este avance foi posible «grazas ao apoio do persoal e ao traballo serio, responsable e eficaz do sindicato na negociación». O acordo achega as condicións de Ourense ás doutras provincias galegas, e o sindicato xa se marca como obxectivo un convenio galego que garanta igualdade salarial en todo o territorio.