Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO pide intervir ante a «reemerxencia» da silicose en Galicia, que concentra un de cada tres casos de España

    Galicia é a comunidade máis afectada pola silicose, segundo os datos oficiais de enfermidade profesional. Segundo un informe presentado este ano polo Ministerio de Sanidade, La remergencia de la silicosis en España, entre 1990 e 2019 rexistráronse 1454 partes de enfermidade profesional por esta causa, o 32,9 % do total estatal. O perfil galego está ligado á extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos e á fabricación doutros produtos minerais non metálicos, que suman o 84,7 % das declaracións.

    20/08/2025.
    A exposición ao pó de sílice é un severo risco laboral | Foto: Pixabay

    A exposición ao pó de sílice é un severo risco laboral | Foto: Pixabay

    Por provincias, Ourense concentra case a metade dos casos galegos (47,5 %), principalmente vinculados á fabricación doutros produtos minerais non metálicos. Pontevedra achega máis dun terzo (34,6 %), cun peso destacado da extracción de minerais e a construción. Lugo e A Coruña suman o 17,6 % restante, tamén relacionados cos mesmos sectores.

    Comisións Obreiras coida que os datos de Galicia e España proban unha «reemerxencia da silicose». Os casos comunicados pasaron de 15 no ano 2000 a 512 en 2024, «cifra récord neste século», segundo o sindicato. «E isto, unicamente tomando en conta os datos oficiais, pois consideramos que o problema é de maior envergadura xa que non se declaran axeitadamente todas as enfermidades profesionais», puntualiza Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia.

    Proxección para este ano: máximo histórico

    As cifras provisionais deste ano «apuntan a un novo máximo»: só no primeiro semestre rexistráronse 369 partes en todo o Estado, o 72 % do total. A este ritmo, o ano pecharía con máis de 650, superando con moito os 512 do 2024. Tendo en conta que Galicia concentra máis do 30 % dos casos de silicose en España, ao remate do 2025 poderían ser máis de 200 as declaracións desta doenza na comunidade autónoma, moi superior aos 128 do ano 2023 —último dato desagregado mencionado no estudo do Ministerio.

    Á cabeza, o sector da pedra artificial

    O sector máis directamente relacionado coa repunta é a fabricación e manipulación de pedra artificial, pola súa elevada concentración de sílice cristalina e outras substancias nocivas. Ademais da silicose, estas exposicións están vinculadas con cancro de pulmón e outras enfermidades que non se recoñecen como profesionais, como a EPOC ou a insuficiencia renal.

    O rexistro de enfermidades profesionais en España, segundo os datos de 2024, segue freado e non recupera o nivel anterior á pandemia: só se notificaron 26 993 enfermidades profesionais, unha cifra «que non reflicte a realidade e que supón unha inxustiza para as persoas traballadoras, que perden prestacións, e unha estafa para o sistema público de saúde, que asume custos que deberían correr a cargo das cotas empresariais». CCOO lembra que non é pola inexistencia de casos, senón pola súa falta de notificación.

    Reivindicacións de CCOO

    O sindicato reclama reformas normativas e preventivas para mellorar a identificación e recoñecemento destas patoloxías. Propón separar a cualificación da enfermidade profesional da xestión das prestacións para evitar conflitos de intereses, reformar o papel das mutuas e crear modelos de alerta no sistema público de saúde que permitan diagnosticar patoloxías de orixe laboral.

    Ademais, CCOO coida «urxente» actualizar a listaxe oficial de enfermidades profesionais, incorporar os efectos das novas tecnoloxías e os riscos psicosociais, e aprobar un real decreto específico para a sílice cristalina, reducindo o límite de exposición. Así mesmo, demanda reforzar a Inspección de Traballo, crear xulgados especializados, incrementar os recursos das fiscalías e recoñecer a figura do delegado ou delegada de prevención territorial para garantir a acción preventiva en empresas sen representación legal.