Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO, CSIF e UGT esixen a substitución inmediata na Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural

    Os sindicatos CCOO, CSIF e UGT denuncian a «situación crítica» que atravesa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) pola «neglixente xestión» da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural.

    26/08/2025.
    Fotografía de arquivo dun incendio na comarca de Santiago de Compostela

    Fotografía de arquivo dun incendio na comarca de Santiago de Compostela

    Para as tres organizacións, o principal problema é a existencia unhas duascentas prazas sen cubrir nun servizo esencial para a seguridade cidadá e a protección do patrimonio natural. A Consellaría viuse obrigada a recoñecer a situación tras as denuncias sindicais e convocou un chamamento extraordinario para 198 postos, mais só se cubriu preto da metade. A pesar diso, non se adoptaron novas medidas para garantir todos os efectivos.

    En plena vaga de incendios —máis de 570 lumes nos primeiros vinte días de agosto—, o SPIF mantén un déficit de persoal que revela a «inacción» e a «irresponsabilidade» da Secretaría Xeral Técnica. As solicitudes dos sindicatos para cubrir decontado as vacantes foron ignoradas. Ademais, os chamamentos limitáronse a mover persoal entre prazas, «perpetuando un déficit estrutural e incorporando traballadores sen a formación precisa», co lóxico risco para a súa seguridade e para a eficacia do dispositivo.

    CCOO, CSIF e UGT lembran que levan anos reclamando que cada ausencia se cubra de inmediato para evitar vulnerabilidades. O déficit de persoal multiplica a carga e o risco sobre brigadas e profesionais, compromete a eficacia dos operativos e pode ter «consecuencias devastadoras» para o territorio e para a cidadanía. Denuncian tamén unha política de persoal caracterizada pola falta de transparencia, a improvisación na xestión de recursos humanos e a deterioración das condicións laborais.

    Por todo iso, os tres sindicatos esixen a substitución inmediata do secretario xeral técnico da Consellaría do Medio Rural, ao quedar demostrada a súa «incapacidade para garantir o correcto funcionamento» dun servizo esencial. Mentres non se atenda esta demanda, non descartan mobilizacións en defensa dos traballadores e da cidadanía galega.

    Finalmente, recoñecen e enxalzan o labor exemplar dos bombeiros forestais, axentes, técnicos, vixiantes, emisoristas e operadores, que manteñen día tras día a súa profesionalidade a pesar das carencias e da mala xestión, e desexan a pronta recuperación de todos os profesionais feridos nesta vaga de lumes.