Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

CCOO denuncia as «mínimas» condicións de seguridade nas empresas auxiliares de ENCE Pontevedra

    CCOO denuncia as «mínimas» condicións de seguridade nas empresas auxiliares que traballan en ENCE na súa fábrica de Pontevedra. No que vai de ano 2025 producíronse tres accidentes graves, o que contrasta coa declaración da empresa ao asegurar que «a prevención de riscos laborais é unha prioridade absoluta para a compañía».

    29/08/2025.
    Carmela Villaverde, Omar Vázquez e Antonio Carballal, de CCOO | Foto: PontevedraViva

    Carmela Villaverde, Omar Vázquez e Antonio Carballal, de CCOO | Foto: PontevedraViva

    O secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO de Pontevedra, Omar Vázquez Prado, xunto coa secretaria comarcal da Federación de Industria, Carmela Villaverde, e Antonio Carballal, membro da executiva, denunciaron publicamente a «grave inseguridade» que sofre o persoal das auxiliares de ENCE. Omar Vázquez vinculou directamente estes sinistros coas «precarias condicións laborais» en que traballan.

    Tres accidentes graves e manipulación de probas

    Segundo CCOO, no que vai de ano houbo xa tres accidentes de especial gravidade nas auxiliares de ENCE. O primeiro produciuse na depuradora, cando un traballador dunha subcontrata portuguesa caeu desde unha escada mentres realizaba labores de mantemento, sufrindo a fractura de varias costelas ao bater contra un muro.

    No segundo sinistro, na sala de compresores, un operario resultou con queimaduras graves a causa dun arco eléctrico durante tarefas de mantemento rutineiro. A máquina non dispuña da protección axeitada e o traballador non contaba con roupa illante fronte ao risco eléctrico.

    O terceiro sinistro rexistrouse na zona de secapastas, cando un empregado quedou esmagado contra unha viga ao manexar unha plataforma elevadora en deficientes condicións de seguridade. O accidente causoulle hematomas craniais, varias costelas rotas e lesións lumbares. Este feito derivou nunha denuncia á Inspección de Traballo «ao detectarse que a máquina fora manipulada tras o suceso para ocultar responsabilidades».

    Estatísticas que ocultan a realidade

    CCOO denuncia que ENCE non lles facilita aos delegados e delegadas de prevención información sobre estes sinistros e que os accidentes do persoal das auxiliares non se contabilizan nas estatísticas oficiais. Isto é a razón de que a empresa exhiba un índice de accidentalidade «irreal». Ademais, moitos incidentes con lesións leves ocúltanse ou decláranse noutros centros de traballo para evitar sancións.

    O sindicato alerta de que os traballadores accidentados sofren presións. Quen declara un sinistro ou acode ao servizo médico da factoría pode recibir sancións ou mesmo ser vetado para traballar na planta. O departamento de prevención céntrase en controlar o uso de EPI en lugar de cumprir coas obrigas que marca a Lei de prevención de riscos laborais.

    Máis de 40 denuncias en 2025

    Ante tal situación, para CCOO «non é casualidade» que no que vai de ano xa se presentaran máis de corenta denuncias perante a Inspección de Traballo, maiormente por cuestións de seguridade, saúde e cesión ilegal de contratas. A ITSS emitiu varios requirimentos á empresa por instalacións en situación de risco. O sindicato tamén advirte que faltan recursos preventivos permanentes, hai auxiliares que traballan sós en instalacións perigosas e que moitas veces descoñecen o seu funcionamento.