Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Setembro 2025.

CCOO denuncia a «persecución e acoso» ás persoas traballadoras polo feito de enfermaren e pide medidas preventivas axeitadas

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denuncia a «persecución e acoso» ás persoas traballadoras «polo simple feito de enfermaren» e pide medidas axeitadas para a protección da saúde nos centros de traballo. «É evidente que existe unha campaña orquestrada de acoso contra quen cae enfermo, a miúdo como consecuencia directa das condicións laborais», sinala o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias. Isto prodúcese, advirte, nun contexto en que os accidentes laborais seguen a rexistrar cifras «alarmantes».

    31/08/2025.
    Trastorno músculo-esquelético | Foto: Pixabay

    Trastorno músculo-esquelético | Foto: Pixabay

    No que vai de ano, contabilizáronse en Galicia un total de 14 315 accidentes de traballo, dos cales 14 062 foron leves, 221 graves e 32 mortais. Con estes datos, a galega é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia, con 0,44 accidentes por cada cen mil persoas traballadoras.

    «As empresas non deixan de se queixar dos supostos altos índices de absentismo, aínda que adoitan denominar así calquera ausencia, mesmo as que están plenamente xustificadas», lamenta Armando Iglesias. Ao tempo, ignoran que a sobrecarga de traballo é cada vez maior, que a competencia desmesurada pola produtividade incrementa os movementos repetitivos e que a normativa de prevención de riscos laborais continúa sen se cumprir con rigor.

    A esta situación, o secretario de Saúde Laboral de CCOO afea a «complicidade interesada das mutuas, que eluden responsabilidades, negan atención médica e derivan as persoas enfermas á Seguridade Social». O sindicalista tacha esta práctica de «fraudulenta», tanto no que respecta aos dereitos das persoas traballadoras como pola súa achega a «saturar a sanidade pública».

    Reproches para as Administracións

    Cada ano, ao redor de 30 000 persoas traballadoras sofren un accidente laboral en Galicia, medio milleiro resultan con danos graves e unhas sesenta perden a vida no seu posto de traballo. Mentres, «empresas e gobernos, tanto autonómico como central, seguen mirando na dirección equivocada, desatendendo as verdadeiras causas e criminalizando as persoas que enferman, como se isto fose unha decisión voluntaria», expón Armando Iglesias.

    Para CCOO, a primeira causa de que as persoas traballadoras estean en situación de baixa médica (IT) «son os empresarios, por non coidaren a saúde laboral» e, en segundo lugar, as mutuas, «por incumpriren as súas funcións e deixaren desamparadas as vítimas de accidentes e enfermidades profesionais». Finalmente, a Xunta de Galicia favorece a sanidade privada, «deixando esmorecer a pública e condenando a listas de espera vergoñentas» e o Goberno do Estado «pretende maquillar a situación cun sistema de altas progresivas en lugar de afrontar o problema de raíz».

    «Por se isto fose pouco» —reflexiona o sindicalista—, «agora engádese unha nova ferramenta ao servizo das empresas: a chamada “Policía Médica”, concibida unicamente para presionar e forzar altas, mesmo cando a persoa traballadora non se atopa restablecida».

    Propostas de CCOO

    CCOO reclama unha reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, unha Inspección de Traballo con máis medios e sancións exemplares para as empresas incumpridoras. Ademais, o sindicato esixe frear a fraude das mutuas e, sobre todo, reforzar a sanidade pública para garantir unha atención de calidade e rematar coas listas de espera que prolongan inxustamente as incapacidades temporais.