Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Setembro 2025.

O paro sobe en agosto en Galicia sen que se albisque o cambio de modelo produtivo que reclama CCOO

    Os datos coñecidos hoxe, do mes de agosto, indican que o paro rexistrado aumentou en Galicia en 1833 persoas, mentres que a afiliación á Seguridade Social só mellorou polos datos do último día do mes; ademais, CCOO alerta de que a fenda de xénero se agrava, pois o desemprego feminino medrou o dobre que o masculino, e reclama que os orzamentos autonómicos do 2026 aposten con claridade por un cambio de modelo produtivo baseado na educación, a investigación e a igualdade de oportunidades.

    02/09/2025.
    Respecto do mes anterior, o paro rexistrado volve subir en Galicia

    Respecto do mes anterior, o paro rexistrado volve subir en Galicia

    Datos do paro

    O paro rexistrado medrou en Galicia en 1833 persoas (+1,7 %) e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 602 afiliados e afiliadas (+0,05 %). Considerando os datos da afiliación media mensual, diminúe en 2279 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (–0,2 %). O aumento do paro é superior ao rexistrado no conxunto do Estado e a evolución da afiliación é mellor.

    Malia a suba, o dato do paro rexistrado, con 109 691 desempregadas e desempregados, segue entre os máis baixos desde que hai estatísticas. O nivel de emprego, medido en termos de afiliación á Seguridade Social, tamén segue en volumes históricos.

    A secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO, Maica Bouza, sintetiza que «os datos unicamente son positivos pola cifra de aumento da afiliación á Seguridade Social cos datos de fin de mes». Porén, pese a este aspecto positivo, «a evolución é peor se compraramos co mesmo mes do ano pasado», apunta.

    Fenda de xénero

    Doutra banda, o desemprego feminino medra o dobre que o masculino, «o que agrava a fenda de xénero que padecen as mulleres no mercado laboral galego», expón a sindicalista. Maica Bouza tamén ve negativos outros aspectos como a caída da contratación indefinida (–35,8 %), mentres que a temporal o fai con menos intensidade (–29,8 %); ou a perda de emprego «nas actividades que deberan impulsar o cambio de modelo produtivo como a educación, as administrativas ou as profesionais, científicas e técnicas», resume.

    Para a secretaria de Organización de CCOO, o presidente da Xunta debería «centrarse, por unha vez, en gobernar Galicia». A este respecto, esixe elaborar un proxecto de orzamentos para o 2026 «que asuma o cambio de modelo produtivo en Galicia e que atenda á desigual situación das mulleres no mercado laboral galego». Ademais, considera que a educación «non é só o principal ascensor social senón que, xunto á investigación e o coñecemento, son piares esenciais para o desenvolvemento de Galicia».

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 44 206 homes (–530) e 65 485 mulleres (+1303). Deste xeito, seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres. Atendendo ás idades, hai 4119 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+249) e 105 572 maiores desa idade (+1584).

    O paro diminúe no sector primario en 16 persoas desempregadas e sobe no resto: +273 na industria, +44 na construción e +1441 nos servizos. Tamén sobe en 91 no colectivo sen emprego anterior.

    Análise da contratación

    En agosto rexistráronse en Galicia 59 106 contratos, dos cales 43 730 foron temporais e 15 376 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi inferior nun 31,5 % aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida cae nun 35,8 % mentres que a temporal o fai nun 29,8 %. De cada dez contratos rexistrados, tres son indefinidos —no Estado, a proporción é catro de cada dez.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 602 persoas ata situarse en 1 110 065 afiliados e afiliadas (+0,05 %). A afiliación media mensual redúcese en 2279 persoas (–0,2 %), situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 111 207. Deste total, 88 7916 corresponden ao réxime xeral, 205 042 ao de autónomos e 18 249 ao réxime especial do mar.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, as actividades en que máis emprego se creou en agosto foron a hostalaría (+1344), así como a sanidade e os servizos sociais (+694). Pola súa parte, cae na educación (–1918), nas actividades profesionais, científicas e técnicas (–993), nas administrativas (–920) e na industria manufactureira (–560).

    Prestacións por desemprego

    En xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 66 213 persoas: 39 317 prestacións contributivas e 26 896 subsidios. Canto aos ERTE do mes de agosto, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 587 persoas a final do mes, das cales 503 estaban en ERTE ETOP e 84 en ERTE de forza maior.