Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Setembro 2025.

CCOO reclama un pacto forestal galego e a estabilidade do dispositivo de loita contra incendios

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia expuxo hoxe nunha conferencia de prensa as súas conclusións sobre a vaga de incendios que calcinou o pasado mes de agosto boa parte do país e presentou tamén as súas propostas. Comisións Obreiras reclama un pacto forestal galego, con participación de todos os axentes implicados; a estabilidade laboral do dispositivo e a dotación de todos os medios humanos e técnicos precisos, así como o cumprimento da lei de incendios e da lei de montes.

    02/09/2025.
    De esq. a der., Carlos Hermida, Amelia Pérez, Óscar Rodríguez e J. Manuel Ramos

    De esq. a der., Carlos Hermida, Amelia Pérez, Óscar Rodríguez e J. Manuel Ramos

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, trasladou as condolencias ás familias das persoas falecidas e a solidariedade cos feridos, así como todo o apoio do sindicato ao persoal que traballa na extinción. A dirixente sindical destacou que esta vaga de lumes «non é un problema só da Consellaría do Medio Rural, senón tamén da de Medio Ambiente, que estivo completamente desaparecida».

    Amelia Pérez engadiu que «non existe ningunha trama incendiaria en Galicia nin no resto do Estado, o que hai son causas múltiples e, sobre todo, a repetición dos mesmos erros e das disputas políticas ano tras ano». A sindicalista insistiu en que cómpre «unha análise rigorosa do acontecido, aprendermos do que pasou e asumirmos os erros con humildade».

    O verán «non rematou»

    Por outra parte, a secretaria xeral de CCOO subliñou que «o verán non rematou» e advertiu de que «o cambio climático é unha realidade que está aí», polo que non abonda con pensar en solucións a longo prazo, senón que tamén é necesario actuar de inmediato, lembrando que os incendios do 2017 foron no outono.

    A sindicalista fixo fincapé en que CCOO non se limita a denunciar a «nefasta xestión» da Xunta, senón que «trae propostas serias e construtivas». Entre elas, salientou a apertura dun pacto forestal galego con todos os axentes implicados, a planificación dos recursos humanos e técnicos con criterios profesionais e non partidistas e a necesidade de garantir o cumprimento estrito da lei de incendios e da lei de montes, que hoxe permanecen incumpridas en cuestións fundamentais.

    O responsable de Acción Sindical de CCOO no SPIF, Carlos Hermida, apuntou que no 2017 arderon 32 000 hectáreas, 51 000 no 2022 e máis de 158 000 neste 2025, segundo datos «oficiosos», e reclamou cambios na política laboral. Ao respecto, denunciou a elevada temporalidade, que afecta a máis do 40 % do operativo, e criticou que a Xunta anunciase o pasado agosto unha oferta pública de emprego (OPE) con exames en febreiro, cando aínda non están resoltos outros concursos. Comisións xa solicitou o adiamento desa convocatoria para que o persoal saiba se obterá praza ou terá que prepararse para este novo exame.

    Ademais, Hermida advertiu de que máis de mil fixos descontinuos traballan só oito meses e que, de non mudar a situación, irán ao paro en novembro. «Se queremos unha verdadeira política de prevención, este persoal debería traballar todo o ano», resumiu.

    Falta de medios e descoordinación

    O xefe de brigada e presidente do comité de empresa da Consellaría do Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez, denunciou a falta de medios para manexar o dispositivo. Explicou que para operar as 157 motobombas serían necesarios 630 traballadores e traballadoras, pero só hai arredor de 450, case 180 menos. Afeou tamén que, ao comezo da época de alto risco, aínda faltaban por incorporar unhas 300 persoas, o que incrementa o tempo de reacción e agrava as consecuencias dos incendios.

    Botando man dos datos oficiais, comparou o Pladiga 2021 co actual e destacou a redución de recursos, especialmente nas brigadas municipais, que cualificou de «externalización encuberta» dun servizo que debería asumir directamente a Xunta. Na provincia de Ourense, a máis afectada polos lumes, pasouse de 70 a 33 brigadas municipais e de 27 a 9 motobombas, e nos distritos do Barco-Trives e Verín-Viana tamén houbo unha forte redución de efectivos.

    Rodríguez lembrou que CCOO leva tempo reclamando a desaparición destas brigadas e a reversión dos seus recursos ao SPIF. Porén, a realidade é que as brigadas están minguando, pero o servizo público non se está reforzando.

    Finalmente, insistiu na reclamación do sindicato para que se asuman consecuencias e haxa remuda á fronte da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural, ampliando a esixencia á Dirección Xeral de Defensa do Monte, pola descoordinación amosada durante a vaga de incendios.