Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Setembro 2025.

CCOO, CIG e UGT manteñen as mobilizacións para lograr un convenio digno na hostalaría da Coruña

    Tras a resposta masiva na concentración diante do Burguer Fest, as organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT anuncian a continuidade do calendario de mobilizacións en defensa dun convenio digno para as traballadoras e traballadores da hostalaría da provincia da Coruña.

    02/09/2025.
    Concentración na Coruña para esixir un convenio digno na hostalaría (20/8/2025)

    Concentración na Coruña para esixir un convenio digno na hostalaría (20/8/2025)

    As seguintes accións están xa confirmadas:

    — 4 e 5 de setembro: recollida de sinaturas no Obelisco da Coruña (10:00–13:00).

    — 11 de setembro: recollida de sinaturas na Praza do Toural, Santiago de Compostela (10:00–13:00).

    — 12 de setembro: recollida de sinaturas na Praza Roxa, Santiago de Compostela (10:00–13:00).

    — 26 de setembro: concentración na Praza do Toural, Santiago de Compostela (11:00–12:00), coa entrega de panfletos á cidadanía.

    Beneficios á alza, traballo precario

    O verán de 2025 confirma que a hostalaría coruñesa vive cifras récord: no mes de xullo acadouse un 88 % de ocupación hoteleira, as terrazas e establecementos rexistraron volumes de negocio moi elevados e a propia patronal recoñeceu que os resultados igualan ou superan os de 2023.

    Con todo, esa bonanza non chega aos cadros de persoal: salarios que apenas superan o SMI, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recorte de dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal. A precariedade cronificada tradúcese en máis baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica.

    Chamamento á mobilización social

    CCOO, CIG e UGT chaman á cidadanía e ao conxunto das traballadoras e traballadores a participaren nas recollidas de sinaturas e na concentración do 26 de setembro en Santiago. O éxito económico da hostalaría non pode sosterse sobre a explotación laboral: se hai máis facturación e beneficios, é de xustiza que haxa tamén melloras reais nas condicións de traballo.