Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2025.

CCOO volve esixir responsabilidades pola xestión do dispositivo contraincendios en Galicia

    Comisións Obreiras volve denunciar a «nefasta» xestión da Consellaría do Medio Rural en prevención e extinción de incendios forestais e reitera a esixencia de responsabilidades «inmediatas» na Secretaría Xeral Técnica e na Dirección Xeral de Defensa do Monte.

    19/09/2025.
    Lumes, nunca máis!

    Lumes, nunca máis!

    Galicia continúa con lumes activos: en Pantón, con alerta de nivel 2 e máis de 80 hectáreas arrasadas; en Becerreá, con 14 hectáreas queimadas; e en Barreiros, aínda en labores de arrefriado. Neste contexto, a Consellaría anunciou a amortización de 15 postos de traballo —dous oficiais e 13 vixilantes—, dos cales oito afectan directamente á provincia de Lugo, a máis castigada nestes momentos. Os restantes repártense entre A Coruña, Ourense e Vigo.

    Segundo CCOO, estes recortes destínanse a crear seis prazas da Unidade de Directores de Extinción (UDEX) cun orzamento de 306 055,28 euros, unha medida que describe como «espir un santo para vestir outro». O sindicato reclama reforzar o dispositivo sen recortes.

    Opacidade na cobertura de vacantes

    Ademais, Comisións Obreiras denuncia opacidade na cobertura de vacantes: máis de 300 postos quedaron sen cubrir en pleno verán, con ata 18 chamamentos en agosto e outros novos en setembro, mesmo en fin de semana, sen comunicación oficial. O sindicato lembra que só puido coñecer estas contratacións a través das listaxes, xa que a Secretaría Xeral Técnica non remite a información, «tentando agochar a realidade das vacantes».

    Para CCOO, a amortización dos 15 postos e a falta de transparencia confirman a ausencia de planificación da Consellería. Reclama depurar responsabilidades e «poñer fin a unha política de parches» que deixa o dispositivo galego de loita contra o lume en clara vulnerabilidade.