Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO denuncia as condicións inxustas da quenda de oficio en Galicia e reclama solucións inmediatas

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO e o sindicato Venia ofreceron este martes unha conferencia de prensa conxunta para analizar a situación da Xustiza en Galicia e esixir solucións aos problemas da quenda de oficio de avogados e procuradores. O acto tivo lugar sede nacional de Comisións Obreiras, en Santiago de Compostela.

    23/09/2025.
    De esq. a der., Joaquín García, María José Almodóvar, Jorge Suárez e María Perille

    De esq. a der., Joaquín García, María José Almodóvar, Jorge Suárez e María Perille

    CCOO subliñou que a quenda de oficio realiza un servizo público «esencial» que debe estar suficientemente dotado, tamén do punto de vista orzamentario. O sindicato leva moito tempo denunciando que os profesionais perciben unhas simples «indemnizacións» polo seu labor, en vez dun salario coa correspondente cotización.

    No caso concreto de Galicia, as retribucións da quenda de oficio están entre as máis baixas do Estado, o que pon de manifesto «a necesidade de dignificar este traballo imprescindible para garantir o dereito á xustiza», segundo Comisións Obreiras.

    O coordinador do sector da Xustiza de CCOO en Galicia e responsable estatal de Organización, Jorge Suárez, advertiu de que «a quenda de oficio é un servizo público, aínda que moitas veces non se pensa nel cando se reclaman melloras no conxunto de servizos públicos». Salientou que este problema afecta tamén a procuradores/as e a profesionais de distintas áreas que actúan como peritos/as nos procesos xudiciais.

    Tendo en conta que se trata dunha competencia transferida, Suárez apuntou que son «o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, quen deben procurar solucións ao conflito».

    Pola súa parte, o secretario comarcal de CCOO Santiago-Barbanza, Joaquín García Gutiérrez, insistiu en que «ningún outro colectivo profesional está sometido a unhas condicións tan inxustas e anacrónicas como o persoal da quenda de oficio, que está obrigado a prestar este servizo por orde das mesmas Administracións que pretenden mantelo a baixo custo». Advertiu de que a situación «é insostible tal como está configurada» e reclamou que «as Administracións actúen para impedir que veña todo abaixo».

    Desde o sindicato Venia, María José Almodóvar, responsable estatal de Mutualidades, demandou que «se nos trate coma calquera outro traballador ou traballadora, coas mesmas obrigas, pero tamén dereitos, como o dereito á previsión social consonte á nosa vida laboral e cotizacións». Explicou tamén que haberá proximamente unha mobilización estatal en Madrid para esixir solucións.

    Pola súa parte, a secretaria de Acción Sindical de Venia en Galicia, María Perille, lembrou que «a Xustiza, xunto coa educación e a sanidade, é un dos tres piares do noso Estado do Benestar», pero a súa viabilidade «só é posible grazas ás persoas que prestan este servizo público».

    Criticou que, malia desempeñaren un labor esencial, «percibimos indemnizacións, non salarios; tampouco cotizan por nós, non temos dereito ao paro, nin á folga, nin a baixa médica, nin pensión». Engadiu que, a diferenza doutros conflitos laborais, «non loitamos por unha mellora salarial, reclamamos ter un soldo; non loitamos por mellores cotizacións, senón que coticen por nós; non negociamos vacacións, senón o simple feito de telas», apuntou.

    Desde Venia agradeceron o «compromiso» de CCOO con estas reivindicacións. Pola súa parte, os voceiros de Comisións Obreiras garantiron que manterán a presión sindical para conseguir condicións dignas, «imprescindibles para garantir unha xustiza pública, digna e de calidade en Galicia», en palabras de Jorge Suárez.