Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Novembro 2025.

CCOO demanda unha investigación a fondo polos fallos nas pulseiras antimaltrato

    CCOO reclama unha investigación exhaustiva e a inmediata corrección dos fallos detectados no sistema de pulseiras antimaltrato do Centro de Control de Medidas Telemáticas de Afastamento (Cometa). A organización sindical pide tamén que se depuren responsabilidades tras confirmarse a existencia de erros no sistema, tal e como recolleu a Memoria Xeral da Fiscalía correspondente a 2024.

    24/09/2025.
    Non máis violencia de xénero

    Non máis violencia de xénero

    Fallos inadmisibles

    CCOO subliña que estes dispositivos se colocan a agresores acusados de violencia machista con ordes de afastamento, polo que a súa xeolocalización constante e precisa resulta esencial para garantir a seguridade das mulleres. O sindicato coida inaceptable que se produzan deficiencias técnicas nun mecanismo destinado a alertar de posibles incumprimentos das ordes xudiciais.

    Ademais, estes mecanismos deben permitir detectar a vulneración das medidas de afastamento e avisar tanto as vítimas como as autoridades competentes. Cómpre lembrar que a información rexistrada pode ter incidencia directa nos procesos penais.

    Reforzar a confianza social

    Alén da revisión da licitación e o cumprimento dos contratos vixentes, CCOO reclama que o sistema Cometa se configure como un servizo de atención totalmente público. Deste xeito, asegúrase non só a seguridade das usuarias, senón tamén a estabilidade laboral das persoas que vixían e atenden o funcionamento do sistema.

    Finalmente, o sindicato considera imprescindible actuar con contundencia para eliminar calquera dúbida sobre a eficacia do mecanismo e reafirmar a confianza das mulleres e do conxunto da sociedade no sistema de protección ás vítimas de violencia de xénero. O obxectivo último, salienta CCOO, debe ser garantir a seguridade das mulleres e o control efectivo dos seus agresores.