Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO esíxelle á Xunta de Galicia financiamento público e novos proxectos para garantir o futuro do CTAG

    Unha representación de Comisións Obreiras (CCOO) reuniuse o xoves coa Xunta de Galicia para analizar a situación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Pola parte sindical acudiron a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, e o secretario xeral da Federación de Servizos, Iván Cordeiro. Pola súa parte, o Goberno galego estivo representado polo secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández López, a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca Carús, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado.

    26/09/2025.
    Á esquerda, Iván Cordeiro e Amelia Pérez, na reunión coa representación do Goberno galego

    Á esquerda, Iván Cordeiro e Amelia Pérez, na reunión coa representación do Goberno galego

    CCOO comunicou a súa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses, que supoñen a «descapitalización» dun centro que nunca antes, nos seus máis de vinte anos de historia, afrontara unha situación semellante. O sindicato lembrou tamén que parte destas dificultades teñen que ver coa redución de encargos por parte dalgunhas das empresas que integran o padroado do CTAG.

    Ante este escenario, o sindicato reclamoulle á Xunta que «axilice as liñas de financiamento público» e impulse novos proxectos que garantan estabilidade e futuro para o CTAG. Comisións Obreiras destacou que non abonda con medidas de curto prazo, senón que cómpre tamén «colaboración activa» para abrir novas áreas de negocio e reforzar o papel do centro como motor tecnolóxico e innovador do sector da automoción en Galicia.

    A representación da Xunta transmitiu a súa «vontade inequívoca» de colaboración, asegurando que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que «non se vai deixar caer». A Xunta comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades actuais e consoliden o seu futuro.

    CCOO seguirá defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.