Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Setembro 2025.

CCOO alerta das graves consecuencias laborais e sociais do peche da base de Ryanair en Santiago

    A sección sindical de CCOO interveu no pleno do Concello de Santiago o pasado xoves, 25 de setembro, para advertir das graves consecuencias que terá o peche da base de Ryanair no aeroporto Rosalía de Castro e rexeitar o ERE proposto pola compañía.

    26/09/2025.

    URL | C�digo para insertar

    Concentración en Santiago contra o ERE anunciado por Ryanair (25/9/2025)

    Concentración en Santiago contra o ERE anunciado por Ryanair (25/9/2025)

    A partir do 26 de outubro, coa entrada da tempada de inverno, Santiago pasará de operar case 100 voos semanais a só 15. Desde o 1 de novembro deixará de ser base da compañía e converterase unicamente nun aeroporto de destino, ao perder os avións que ata agora pernoitaban en Lavacolla.

    O persoal de voo, unhas 135 persoas, foi recolocado noutras bases da compañía. Porén, a situación é crítica para o persoal de terra: 120 traballadores e traballadoras carecen de información oficial por parte da empresa. Non se sabe se Ryanair recorrerá a un ERE, a un ERTE ou a traslados, e a incerteza é absoluta. A día de hoxe, nin o comité de empresa nin os sindicatos recibiron comunicación oficial ningunha, algo que CCOO considera inaceptable pola falta total de transparencia.

    Impacto económico e social

    Ryanair era a compañía que máis pasaxeiros movía en Lavacolla, polo que a súa marcha terá consecuencias directas sobre a conectividade de Galicia. Aínda que Vueling recolla parte da oferta, non cubrirá nin o 10% da perda real de viaxeiros.

    O aeroporto Rosalía de Castro xa viña sufrindo unha caída progresiva. En 2024 rexistrou 760.000 pasaxeiros internacionais, un 9,8% menos que en 2023, e 5.437 operacións internacionais, un 11,4% menos. Entre xaneiro e abril de 2025, a perda acentuouse: 135.362 pasaxeiros internacionais, un 25,2% menos ca no mesmo período de 2024, e 765.436 pasaxeiros nacionais, un 6,3% menos. Estes datos evidencian que Santiago pasa de ser aeroporto internacional de referencia a aeroporto secundario, con consecuencias graves para o emprego directo e indirecto, para o turismo e para o tecido económico galego.

    A deterioración da conectividade derivará en que cada vez máis galegos empreguen o aeroporto Sá Carneiro do Porto (Portugal). Pola súa parte, Renfe non está en condicións de absorber o volume de pasaxeiros que ata agora movía Lavacolla, o que supón un novo factor de illamento para Galicia.

    Acción sindical e institucional

    Desde CCOO xa se mantiveron reunións co Concello de Santiago (15 de setembro) e co secretario xeral de Emprego da Xunta (18 de setembro). No pleno municipal, a organización sindical apoiou a adopción das seguintes medidas: esixir a Ryanair información clara, inmediata e transparente sobre o futuro laboral do persoal; deseñar unha estratexia conxunta para os tres aeroportos galegos baseada na coordinación; avanzar no mapa de rutas acordado no Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia; esixir á Xunta e ao Goberno do Estado mecanismos de acompañamento laboral que garantan orientación, reciclaxe profesional e alternativas de emprego; e activar un plan específico do Ministerio de Transportes e do SEPE para o persoal de terra de Santiago, que evite un ERE traumático.

    A sección sindical de CCOO advertiu que non vai permitir que se xogue co futuro de 120 familias nin co papel estratéxico do aeroporto Rosalía de Castro. Comisións Obreiras demanda transparencia, negociación e garantías de emprego, e lembra que o futuro da conectividade aérea de Galicia non pode decidirse en función dos intereses dunha soa compañía nin en despachos alleos ao país.