Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 6 Outubro 2025.

Concentración en Santiago para reclamar o desbloqueo do convenio provincial da hostalaría

    CCOO, xunto con UGT e CIG, convocaron este venres unha concentración na praza do Toural, en Santiago de Compostela, para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio provincial, que regula as condicións laborais dunhas 20 000 persoas. Os sindicatos acusan a patronal de negarse a incluír melloras e, incluso, de pretender recortes xa consolidados, como o complemento por incapacidade temporal.

    26/09/2025.

    URL | C�digo para insertar

    Concentración en Santiago de Compostela para esixir un convenio digno para a hostalaría (26/9/2025)

    Concentración en Santiago de Compostela para esixir un convenio digno para a hostalaría (26/9/2025)

    Mentres o sector bate récords de turismo e facturación, os salarios continúan próximos ao SMI e as condicións laborais apenas melloran. Por iso, CCOO e os outros sindicatos esixen unha negociación «real con perspectiva social», a actualización dos salarios e, en definitiva, «un convenio xusto e digno».

    Amplo apoio ás protestas

    Esta mobilización chega despois dunha primeira protesta na Coruña, coincidindo co Burger Fest, así como a masiva recollida de sinaturas levada a cabo nesa cidade e en Santiago de Compostela. «Isto confirma o amplo apoio dos cadros de persoal ás reivindicacións que nós defendemos», salienta a parte social.

    A hostalaría é hoxe un dos principais motores económicos de Galicia, con máis de 73 000 persoas afiliadas á Seguridade Social en agosto de 2025 e un crecemento anual do 2,2 %. Ademais, no primeiro semestre de 2025, os ingresos do sector hoteleiro galego ascenderon a 165,5 millóns de euros (+4,3 %). Porén, este dinamismo económico non se traduce en melloras laborais: as traballadoras e traballadores seguen soportando sobrecargas de traballo, horarios partidos e salarios próximos ao SMI, nun contexto de riscos psicosociais crecente.

    Asinouse o convenio de Pontevedra

    Por último, desde CCOO destácase o «contraste» co convenio asinado recentemente para a provincia de Pontevedra, cunha suba salarial do 7 % para o período 2024-2025, cláusula de revisión vinculada ao IPC real e melloras sociais como o histórico recoñecemento para as camareiras de piso —a partir do 2027 ascenderán de categoría en hoteis de 3 a 5 estrelas.