Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

CCOO reclama máis coidados, pensións dignas e unha lei de dereitos para as persoas maiores

    A Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia rexistrou hoxe un escrito no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e protagonizou unha concentración fronte ao Complexo Administrativo de San Caetano, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores. O sindicato subliña que non se trata dunha xornada de celebración, senón de denuncia e reivindicación, para esixir que se garantan dereitos básicos e se poña fin á discriminación por idade.

    01/10/2025.
    Concentración de Pensionistas-CCOO diante da Xunta de Galicia (1 de outubro do 2025)

    Concentración de Pensionistas-CCOO diante da Xunta de Galicia (1 de outubro do 2025)

    Entre as principais demandas, CCOO reclama a reactivación inmediata do financiamento público en dependencia, a derrogación do plan da Xunta que «axiliza e simplifica» o acceso a prestacións, un reforzamento do persoal neste servizo e un novo modelo centrado nos coidados profesionais e de proximidade. Tamén esixe a eliminación do bono coidado e a posta en marcha dunha coordinación sociosanitaria real.

    No ámbito das pensións, CCOO insiste na necesidade de culminar a aplicación da garantía de suficiencia acordada na reforma de 2023, situando as pensións mínimas e non contributivas por riba do limiar da pobreza. Reclama ademais medidas correctoras para compensar as desigualdades de xénero que sofren as mulleres traballadoras e unha visión interxeracional da seguridade social que asegure a súa sostibilidade.

    O sindicato alerta tamén da precariedade habitacional que padecen moitas persoas maiores, e demanda un plan nacional de vivenda que contemple adaptacións de accesibilidade, vivenda social e protección fronte aos desafiuzamentos. Do mesmo xeito, denuncia o avance do idadismo —a discriminación por idade— e pide a aprobación dunha lei estatal de defensa e garantía dos dereitos das persoas maiores.

    «Este 1 de outubro non pedimos compaixón, senón xustiza. Non queremos homenaxes baleiras, senón dereitos cumpridos», sinalou Ramiro Otero Rodríguez, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia, quen lembrou que as persoas maiores son «memoria viva e tamén futuro, forza activa, crítica e construtiva» da sociedade galega.