Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

A Xunta volve poñerse de parte da patronal e manterá as aperturas en domingos e festivos no comercio galego

    A Federación de Servizos de CCOO critica que, un ano máis, a Xunta de Galicia actúa «contra as persoas traballadoras do comercio galego» no tocante á apertura os domingos e festivos. Segundo o sindicato, o Goberno galego sitúase do lado das grandes superficies.

    03/10/2025.
    CCOO rexeita a apertura dos comercios en domingos e festivos

    CCOO rexeita a apertura dos comercios en domingos e festivos

    Desde hai anos, a Xunta négase a garantir a conciliación laboral e familiar do persoal do sector, consolidando un modelo insostible que deteriora o pequeno comercio e empeora a calidade de vida das traballadoras e traballadores.

    A situación agrávase en 2025 coa inclusión do 26 de xullo e o 15 de agosto como días de apertura. Isto impide que o persoal poida gozar de dous fins de semana consecutivos libres en pleno verán, «un dereito básico para o descanso e a vida familiar», subliña a Federación de Servizos.

    CCOO insiste en que a apertura en domingos e festivos non é necesaria: os horarios semanais xa permiten facer compras sen ter que ampliar a actividade nestas datas. Ademais, neste exercicio a Xunta nin sequera pediu valoración ao sindicato, ignorando de novo a voz das persoas traballadoras.

    Nun contexto en que se reclama unha redución da xornada laboral e unha racionalización dos horarios comerciais —para evitar xornadas interminables que chegan máis alá das dez da noite—, o Goberno do PP toma a decisión contraria: suprimir de golpe dous fins de semana libres, recortando descanso e favorecendo unicamente os intereses empresariais.

    CCOO seguirá denunciando esta política regresiva e defenderá un modelo de comercio máis xusto, sostible e conciliable.