Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

O persoal que traballa en Ence mobilízanse contra «recortes e despedimentos»

    A protesta pon de manifesto o crecente malestar ante unha «política continuada de precarización das condicións laborais, nunha planta que está a desmantelarse a cachos»

    08/10/2025.

    URL | C�digo para insertar

    O persoal de Ence-Pontevedra concentrouse este mércores ás portas da fábrica para manifestar a súa protesta ante a política de recortes e despedimentos que a dirección planea poñer en práctica o próximo mes de novembro.

    Un dos recortes máis críticos denunciados polo Comité é a intención de externalizar o servizo médico. Os traballadores advirten que esta decisión non só pon en risco a saúde e seguridade do persoal, senón que ten como fin atacar o que, maliciosamente, chaman absentismo. Alertaron tamén de que non contar con atención sanitaria inmediata na fábrica provocará que calquera mínima lesión ou doenza se agrave.

    O secretario do Comité de Empresa, Omar Vázquez, denunciou o plan de recortes de ENCE, asegurando que está a atacar directamente os dereitos e a seguridade do persoal. Vázquez criticou que non se está facendo o necesario para garantir o futuro da planta na ría: «non pasou un só mes sen que teñamos que denunciar malas prácticas da dirección, denunciar a inseguridade ou o incumprimento de promesas», sinalou o delegado de CCOO.

    Ademais da externalización, o persoal leva meses denunciando publicamente os despedimentos e a deterioración progresiva das instalacións en Pontevedra. Vázquez advertiu que «non pode permitirse a saída de máis compañeiros nas actuais condicións» e apelou á conciencia colectiva para manter os postos de traballo na planta de Lourizan.