Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Outubro 2025.

Día Mundial da Saúde Mental

O traballo, un factor clave na saúde mental

    CCOO lembra que o traballo e as condicións en que se desenvolve teñen un impacto directo sobre a saúde mental das persoas traballadoras.

    10/10/2025.
    10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental

    10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental

    Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se celebra hoxe, 10 de outubro, CCOO lembra que o traballo e as condicións en que se desenvolve teñen un impacto directo sobre a saúde mental das persoas traballadoras. O sindicato afirma que estas condicións son avaliables e, sobre todo, evitables, polo que esixe medidas urxentes que aborden as causas estruturais do malestar psicolóxico nos centros de traballo.

    O sindicato asegura que en España o 40 % das persoas traballadoras identifican o traballo como causa principal de tensión, ansiedade ou depresión, unha cifra moi superior á media europea, situada no 29 %. Ademais, case a metade (49 %) afirma estar exposta a presións de tempo ou sobrecarga laboral, unha situación que se debe a que España se atopa entre os países europeos que menos iniciativas aplican para previr os riscos psicosociais. 

    Riscos psicosociais e efectos na saúde

    A evidencia científica sinala que as altas esixencias cuantitativas —é dicir, ter máis carga de traballo da que se pode realizar na xornada laboral—, a baixa autonomía, a imposibilidade de aplicar habilidades e coñecementos nas tarefas ou a inseguridade no emprego están estreitamente relacionadas cun maior risco de padecer trastornos mentais. Entre os datos máis relevantes, CCOO destaca que:

    • Estar exposto a altas esixencias laborais e baixo control aumenta un 77 % o risco de padecer depresión e un 16 % as posibilidades de consumir psicotrópicos.
    • A inseguridade laboral —preocupación pola perda de emprego ou cambios nas condicións de traballo— incrementa un 61 % as probabilidades de sufrir depresión, un 77 % as de padecer ansiedade e un 30 % as posibilidades de consumir psicotrópicos.
    • As altas esixencias cuantitativas xunto coas baixas compensacións económicas ou de recoñecemento incrementan ata o 66 % o risco de depresión.
    • A violencia ou as ameazas no traballo aumentan un 42 % o risco de depresión e un 49 % os trastornos do soño.
    • O conflito entre traballo e familia incrementa ata o 26 % o consumo de psicotrópicos.

    Estudos realizados en 2003 constataron que as altas esixencias cuantitativas aumentan un 23 % as probabilidades de sufrir depresión, as esixencias emocionais un 21 %, o baixo control sobre o traballo un 25%, o escaso apoio de compañeiras e compañeiros un 37 % e o baixo apoio de superiores un 33 %.

    En conxunto, os datos indican que entre o 11 % e o 27 % dos trastornos e as enfermidades mentais en España poderían previrse se se eliminase a exposición a estes danos e se modificasen as condicións laborais que os provocan.

    Malia as evidencias, CCOO asegura que é insignificante o número de empresas que modifican estas condicións de traballo que enferman os seus traballadores e traballadoras e cambian as prácticas de xestión laboral para evitar a exposición nociva aos riscos psicosociais.

    Desigualdades de xénero na saúde mental

    O sindicato tamén advirte das desigualdades de xénero na saúde mental e de diagnósticos de ansiedade ou depresión. Así, constatouse que as mulleres alcanzan taxas significativamente máis altas de depresión: un 9,2 % fronte ao 4 % en homes, segundo datos de 2023.

    Ademais, as mulleres reciben máis diagnósticos e prescricións de psicofármacos, especialmente nos grupos socioeconomicamente máis desfavorecidos fronte aos grupos sociais máis privilexiados, nos que son case inexistentes. Ademais, o consumo de antidepresivos, ansiolíticos e hipnóticos é entre 1,5 e 3 veces superior en mulleres que en homes.

    Por todo iso, CCOO reclama políticas de prevención efectivas, avaliación real dos riscos psicosociais e unha maior implicación institucional para protexer a saúde mental, imprescindible no dereito a un traballo digno e seguro.