Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO alerta do risco de «pobreza laboral» para case 126 000 traballadoras e traballadores en Galicia

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) alerta do risco de «pobreza laboral» para 125 759 traballadores e traballadoras en Galicia, o 11,14 %, e insta a Xunta a «facer uso das súas competencias» para evitar que a ameaza se converta «nun problema máis grave». Con todo, segundo os datos proporcionados polo Gabinete Económico confederal do sindicato con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a taxa galega é inferior á media española, situada no 16,2 e en descenso na última década.

    16/10/2025.
    17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

    17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

    En termos absolutos, o total de persoas traballadoras en risco de pobreza en España é de algo máis de 3,37 millóns, das cales as galegas representan o 3,73 %. Máis aló das cifras, a situación de cada persoa «agocha circunstancias particulares que non nos poden deixar indiferentes», indican desde o sindicato.

    A Xunta debe actuar

    Segundo CCOO, os principais factores que explican o fenómeno da pobreza laboral no noso país afectan a áreas en que o Goberno galego ten unha «notable marxe de actuación», a comezar polo mercado da vivenda, cuns prezos que parecen non coñecer límites «mentres a Xunta boicotea as declaracións de zona tensionada por parte dos concellos de esquerdas ou as disposicións da lexislación estatal».

    Outras cuestións moi vinculadas á pobreza laboral son os contratos precarios, o abuso da temporalidade ou convenios colectivos que levan anos bloqueados pola actitude «irresponsable e vergoñenta» das súas patronais.

    Por último, CCOO reitera a necesidade de que a Xunta reforme a normativa que regula a Renda de inserción social de Galicia (Risga) para facela compatible co ingreso mínimo vital (IMV), de xeito que poida chegar a onde a prestación estatal non chegue.