Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO analiza o impacto dos centros especiais de emprego e reclama un uso rigoroso das subvencións

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia convocou recentemente unha reunión cos responsables das federacións con presenza nos centros especiais de emprego (CEE) para avaliar o seu funcionamento e o impacto que teñen en cada sector. No encontro, púxose de manifesto que a problemática destas entidades é transversal, xa que afecta a todos os ámbitos produtivos e, en moitos casos, xera competencia desleal nas empresas onde operan.

    23/10/2025.
    Representantes de diferentes federacións e CCOO visitaron o centro especial de emprego Trameve, en Santiago de Compostela

    Representantes de diferentes federacións e CCOO visitaron o centro especial de emprego Trameve, en Santiago de Compostela

    Durante a xornada, as persoas responsables sindicais visitaron o centro de despezamento Trameve, en Santiago de Compostela, que conta cun cadro de doce traballadoras e traballadores con discapacidade psíquica e é considerado un exemplo de boa xestión e integración laboral.

    Comisións Obreiras mantivo tamén unha reunión coa patronal maioritaria do sector, CEGASAL, que expuxo a situación actual dos CEE en Galicia. O sindicato expúxolle á entidade empresarial que cómpre extremar o rigor no uso das subvencións públicas destinadas á inserción laboral das persoas con discapacidade.

    Así mesmo, CCOO pediu a súa implicación para concienciar sobre o correcto uso das axudas públicas e contribuír a destapar aquelas empresas que utilizan estes centros con ánimo de lucro ou como fórmula de competencia desleal nalgúns sectores.