Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO, UGT e CSIF sairán á rúa este xoves para reclamar a suba salarial no sector público

    CCOO, UGT e CSIF sairán á rúa este xoves, 30 de outubro, para reclamar a suba salarial dos empregados e empregadas do sector público. Baixo o lema «negociación, suba salarial e mellora dos servizos públicos», as organizacións sindicais inician así un calendario de mobilizacións que continuarán cunha grande manifestación estatal. Se o Goberno do Estado segue bloqueando a negociación, non se descartan outras medidas, como a folga.

    28/10/2025.
    De esquerda a dereita, José Manuel Ramos (CCOO), Irene Martínez (UGT) e J. Francisco Méndez (CSIF)

    De esquerda a dereita, José Manuel Ramos (CCOO), Irene Martínez (UGT) e J. Francisco Méndez (CSIF)

    Na conferencia de prensa na que se anunciaron as mobilizacións interviñeron José Manuel Ramos, coordinador da Área Pública de CCOO; Irene Martínez, secretaria xeral de FESP-UGT; e José Francisco Méndez, presidente de CSIF.

    Ramos afirmou que, se o Goberno central non abre unha mesa de negociación, «non descartamos unha folga de todo o sector público. Esiximos a recuperación de todos os dereitos do persoal público e a suba salarial á que temos dereito».

    CCOO, UGT e CSIF denuncian que o Goberno debe 1860 millóns de euros en atrasos salariais acumulados nos últimos dez meses, un agravio económico que reflicte a débeda histórica co persoal público. De aí que este xoves se mobilicen nas catro provincias galegas, co obxectivo de que se abra unha negociación de acordo salarial que permita recuperar o poder adquisitivo e as economías familiares de empregados e empregadas públicos, mellorar as súas condicións laborais e establecer un marco de negociación que fortaleza os servizos públicos.

    A iniciativa nace en resposta «á inacción e ao desprezo» do Ministerio de Función Pública cos máis de tres millóns de traballadores e traballadoras públicos de España, aos que mantén conxelados os seus salarios. «O tempo para o diálogo esgotouse. A nosa resposta é firme en defensa dos dereitos do persoal e da calidade dos servizos que sosteñen o estado do benestar», subliñaron os portavoces sindicais.

    A convocatoria do 30 de outubro, ás 12:00 horas, consistirá en concentracións simultáneas fronte á Delegación do Goberno na Coruña e as Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.

    As tres organizacións sindicais fan un chamamento a todos os empregados públicos para participar masivamente, insistindo en que esta será a primeira fase dun plan de mobilización que poderá incluír unha gran manifestación en Madrid e unha folga xeral no caso de que non se acade un acordo satisfactorio.

    Entre as principais demandas destacan:

    — Acordo salarial plurianual para recuperar o poder adquisitivo perdido desde 2010.

    — Cláusula de revisión salarial automática, vinculada á inflación e a outros incrementos pactados.

    — Plan de reforzamento de cadros de persoal para poñer fin á escaseza de persoal e reducir a temporalidade abusiva.

    — Mellora das condicións laborais, incluíndo xubilación, equiparación salarial e modernización do marco laboral do sector público.

    CCOO, UGT e CSIF subliñan que a falta de resposta do Goberno deixa a mobilización como única vía para garantir uns servizos públicos de calidade e unhas condicións laborais dignas. «É o momento de actuar. Ou o Executivo senta a negociar de boa fe, ou enfrontarase a un conflito de grande envergadura», concluíron.