Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO apoia as mulleres andaluzas afectadas polas demoras nos cribados de cancro de mama

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia manifesta o seu apoio ás mulleres andaluzas vítimas das demoras e erros nos programas de cribado de cancro de mama, unha situación provocada pola xestión deficiente do Goberno de Juan Manuel Moreno, que segue fielmente a liña de recortes dos servizos públicos do Partido Popular.

    29/10/2025.
    AMAMA denunciou que máis de dúas mil mulleres en Andalucía están afectadas por estes atrasos

    AMAMA denunciou que máis de dúas mil mulleres en Andalucía están afectadas por estes atrasos

    As políticas públicas sobre o cancro de mama deben garantir unha detección temperá, unha prevención eficaz e un tratamento axeitado, asegurando o acceso áxil á atención médica e aos tratamentos. Nestes casos, o tempo é vida.

    A Asociación de Mulleres con Cancro de Mama de Sevilla (AMAMA) denunciou que máis de dúas mil mulleres en Andalucía están afectadas por estes atrasos e lembran que «a súa vida non pode esperar». Son mulleres desprotexidas, enganadas e criticadas por reclamaren os seus dereitos, mais tamén valentes e conscientes de que loitan por todas as que virán detrás.

    O pasado domingo, 26 de outubro, milleiros de persoas saíron ás rúas de Sevilla para amosarlles o seu apoio e para reclamar unha sanidade pública eficiente, segura e universal. A privatización dos servizos sanitarios pon en risco a vida e a saúde das familias, encarece o custo do sistema, deteriora a calidade da atención e exclúe as persoas con menos recursos.

    Desde a Secretaría das Mulleres de CCOO de Galicia subliñamos que a defensa da sanidade pública non é só unha cuestión andaluza, senón unha responsabilidade colectiva en todo o Estado. Defender os nosos servizos públicos é defender o interese común. Vainos a saúde no seu bo funcionamento.