Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 1 Novembro 2025.

O persoal do Concello de Muros protesta contra a discriminación salarial

    O persoal laboral do Concello de Muros comezou unha campaña de mobilizacións para denunciar a discriminación salarial que padece desde hai anos, informa Comisións Obreiras (CCOO). A primeira acción foi unha concentración diante da casa consistorial o xoves, 30 de outubro, coincidindo coa sesión plenaria da Corporación.

    31/10/2025.
    O persoal protestou diante do Concello, aproveitando a celebración do pleno local

    O persoal protestou diante do Concello, aproveitando a celebración do pleno local

    Tras oito anos de «promesas incumpridas» por tres gobernos municipais de distinta cor política —aclara CCOO—, o persoal decidiu emprender estas medidas de presión. As concentracións repetiranse os últimos xoves de cada mes, coincidindo cos respectivos plenos.

    O conflito ten a súa orixe na desigualdade retributiva entre traballadores e traballadoras do Concello e na «incapacidade» dos sucesivos gobernos locais para aprobar unha relación de postos de traballo (RPT) que estableza valoracións «xustas e coherentes».

    Actualmente, 21 postos de distintos grupos profesionais —aproximadamente un terzo do persoal laboral— non perciben os complementos de destino e específico que recibe o resto. Ademais, 15 traballadores e traballadoras teñen salarios tan baixos que o Concello debe aplicar un «complemento SMI» para que cheguen ao salario mínimo interprofesional fixado pola lei.

    O sindicato non descarta acudir á Xustiza

    O comité de empresa, presidido por CCOO, reclama dos grupos políticos municipais que elaboren e aproben uns orzamentos que inclúan as partidas necesarias para elaborar unha RPT «que poña fin a unha inxustiza coñecida e prolongada no tempo».

    Ademais das mobilizacións, o comité de empresa denunciará a situación ante a Inspección de Traballo e non descarta emprender accións xudiciais, conclúe Comisións.