Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO-Hábitat Galicia celebra o acordo estatal da construción, que eleva os salarios un 6,9 % e reforza o plan de pensións sectorial

    CCOO-Hábitat Galicia considera moi positivo o acordo estatal do sector da construción, asinado hoxe por CCOO, UGT e parcialmente pola CIG, que supón un avance histórico nas condicións laborais e sociais do persoal. O texto recolle un incremento acumulado do 6,9 % nas táboas salariais e un aumento do 1,15 % nas achegas ao plan de pensións sectorial, amais da creación de novas comisións de traballo en materias clave para o futuro do sector.

    04/11/2025.
    Acordo no convenio estatal da construción, cunha suba salarial do 6,9%

    Acordo no convenio estatal da construción, cunha suba salarial do 6,9%

    A secretaria xeral de CCOO-Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, salienta que o acordo «é unha conquista colectiva que reforza o salario, amplía dereitos e consolida o plan de pensións como un sistema universal». A sindicalista destaca que «o sector da construción dá un paso adiante e demostra que a negociación colectiva é a mellor ferramenta para mellorar a vida das persoas traballadoras».

    O calendario de aplicación inclúe a revisión salarial pendente de 2024 (+0,4 % e +0,4 % ao plan de pensións), unha suba do 3,5 % en 2025 máis un incremento do 0,5 % nas achegas, e un novo aumento do 3 % en 2026 xunto cun 0,25 % adicional ao plan de pensións. Ademais, o acordo desbloquea a excepción de achega para o persoal por enriba de convenio, de maneira que o sistema de pensións se converterá nun mecanismo universal a partir do 1 de xaneiro de 2026.

    As partes asinantes tamén coincidiron na importancia de crear catro comisións de traballo específicas sobre sílice cristalina respirable, lei de desindexación, captación de talento e coeficientes redutores. Estes órganos permitirán avanzar na prevención de riscos, na adaptación dos contratos ás novas realidades económicas, no recoñecemento profesional e na posible xubilación anticipada de certas categorías pola dureza e penosidade dos seus traballos.

    CCOO-Hábitat Galicia salienta que mesmo a CIG, malia as súas críticas ao convenio estatal, manifestou a vontade de participar activamente nestas mesas, o que amosa un compromiso común por mellorar a saúde, a xustiza laboral e o recoñecemento profesional no sector.

    CCOO anima a todo o persoal da construción a comprobar nas súas próximas nóminas a actualización salarial, solicitar información sobre o plan de pensións e participar activamente no seguimento e defensa do acordo.