Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Decembro 2025.

CCOO denuncia a crise de coidados e a situación «insalubre e insostible» na residencia DomusVi San Lázaro

    CCOO subliña que a precarización do servizo chegou a un extremo crítico, dado que habitualmente non se cobren as ausencias do persoal.

    26/11/2025.
    Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago de Composela

    Residencia DomusVi San Lázaro, en Santiago de Composela

    A presidenta do comité de empresa e delegada de CCOO denuncia publicamente a «situación insostible» que atravesa a Residencia DomusVi San Lázaro de Santiago desde hai un ano, achacándoa á «impasibilidade, desorganización e pasividade da nova dirección».

    Precariedade laboral e deterioración da atención

    A delegada de CCOO subliña que a precarización do servizo chegou a un extremo crítico, dado que habitualmente non se cobren as ausencias do persoal. Esta escaseza de persoal ten un impacto directo e grave na calidade dos coidados:

    Afecta a atención digna ás persoas usuarias pola «falta de hixiene e nutrición adecuadas». Supón «máis risco de caídas», empeoramento do estado dos residentes e «erros na medicación». Desembocou na aparición de patoloxías infecto-contaxiosas (como sarna e conxuntivites), que son indesexables nun centro residencial. O impacto no persoal é igualmente grave: as traballadoras están «sobrepasadas física e mentalmente», polo que sofren cadros ansiosos derivados do sentimento de culpa e remorso por non poder prestar unha atención adecuada aos usuarios e usuarias.

    Fallos de seguridade e infraestrutura críticas

    A crise agrávase polo colapso da infraestrutura esencial do centro:

    O «servidor central», do que dependen a apertura de portas e o sistema de chamadas, leva fallando desde o verán e «deixou de funcionar por completo en outubro». Como resultado, as alarmas do centro non funcionan, as portas están bloqueadas e os timbres dos cuartos das persoas usuarias están operativos. Ante esta grave deficiencia, a dirección do centro puxo ao dispor dos usuarios «culleres para que golpeen as paredes» cando necesiten asistencia. Ademais, os ascensores están estragados «día si, día non», impedindo a mobilidade dos residentes. A empresa recoñeceu verbalmente a unha delegada do comité a necesidade de instalar un novo servidor/sistema tras as queixas, pero está «a atrasar o proceso de substitución».

    Neglixencia na xestión médica e desatención política

    A presidenta do comité de empresa tamén denuncia que, nalgúns casos, a dirección «limita ou demora a derivación de pacientes a centros hospitalarios» a pesar da súa gravidade, actuando en contra do criterio do persoal responsable do coidado.

    A situación é tolerada pola Administración autonómica: «O máis grave é que a Xunta é coñecedora desta situación e permíteo». Salgado critica que a aparición constante da directora de Política Social e do presidente Rueda en fotos nas residencias contrasta fortemente co abandono real do sector.

    Perda de profesionais e precariedade sectorial

    A presidenta do comité advirte que o sector está a perder profesionais debido á precariedade e as «pésimas condicións laborais e económicas». O problema de fondo é que o convenio do sector está caducado desde 2023 e a patronal non mostra interese en poñer en funcionamento melloras. Afirma que, mentres outros grupos empresariais ofrecen mellores condicións retributivas por encima do convenio, DomusVi funciona co que se consideran «situacións esclavistas».

    Outras novas: CCOO denuncia falta de persoal de enfermaría na residencia compostelá DomusVi San Lázaro