Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Novembro 2025.

CCOO presentou o Informe Comercio — Black Friday 2025

    Denunciou a decisión da Xunta de Galicia de aprobar o calendario de domingos e festivos de apertura para 2026 sen consulta coa representación sindical

    27/11/2025.
    Roda de prensa campaña Black Friday 2025

    Roda de prensa campaña Black Friday 2025

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia trasladou hoxe aos medios as principais conclusións do Informe Comercio — Black Friday 2025, un diagnóstico que evidencia novamente a precariedade estrutural do sector: parcialidade imposta, horarios imprevisibles, cargas de traballo desbordadas e un incremento moi preocupante dos riscos músculo-esqueléticos e dos problemas de saúde mental.

    Durante a comparecencia explicouse que o sector continúa funcionando a costa da saúde e da dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras, nun contexto de plantillas insuficientes e presión comercial crecente.

    Ademais, CCOO denunciou a decisión da Xunta de Galicia de aprobar o calendario de domingos e festivos de apertura para 2026 sen ningún proceso de consulta coa representación sindical. Desta maneira rompese a posibilidade de gozar de dúas fins de semana de completas de descanso en xullo e agosto de 2026 e prexudica notablemente a conciliación da vida laboral e familiar nunhas datas tan especiais en Galicia. Esta falta de diálogo, que afecta directamente a decenas de miles de persoas traballadoras do comercio, é para CCOO unha imposición inaceptable.

    Ante esta situación, CCOO anunciou a convocatoria de dúas xornadas de folga no comercio galego. Se celebrarán os días 15 de agosto e 26 de xullo, en defensa dos dereitos laborais, da saúde e da conciliación, e para esixir que calquera decisión sobre horarios comerciais conte coa voz das traballadoras e traballadores de comercio, mediante a súa representación nas organizacións sindicais máis representativas.

    CCOO reclama á Xunta que rectifique, abra un proceso real de diálogo social e deixe de ignorar ás persoas que sosteñen un sector estratéxico para Galicia.

    Informe Comercio — Black Friday 2025

    A información dispoñible no informe sobre Galicia refírese especificamente ás «previsións de crecemento do emprego no sector comercio» durante o período de campaña de vendas de outubro a decembro de 2025, que inclúe o Black Friday.

    Os datos específicos para Galicia son os seguintes:

    • Emprego en outubro de 2025: Rexistráronse 135.433 empregos no sector comercio.
    • Emprego previsto despois da campaña: Esperase que a cifra alcance os 136.973 empregos.
    • Crecemento do emprego: A previsión é un crecemento do 1,1% no emprego do sector comercio de outubro a decembro de 2025.
    • Creación de novos empregos: Isto equivale á creación de 1.540 novos postos de traballo durante a campaña.

    A modo de comparación, a previsión de crecemento de emprego para o conxunto do territorio nacional é do 2,0%, equivalente a 52.308 novos empregos no comercio. Galicia sitúase por baixo da media nacional e doutras Comunidades Autónomas como Andalucía ( 4,0%), Valencia ( 3,7%) e Canarias ( 3,2%).