Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

O TSXG dálle a razón a CCOO e declara o programa «Aprende Xogando» non axustado a dereito

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desmonta os pregos do programa «Aprende Xogando» do Concello de Lugo porque presentan omisións graves que poden vulnerar dereitos laborais e obriga a revisalos; CCOO sinala a responsabilidade directa da Concellaría de Igualdade. 

    03/12/2025.
    Concello de Lugo

    Concello de Lugo

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de emitir unha sentenza demoledora contra o Concello de Lugo polo seu programa «Aprende Xogando»: estima integramente a demanda de CCOO, anula a resolución do TACGAL e obrígao a entrar no fondo da impugnación dos pregos, elaborados pola Concellaría de Igualdade.

    A Sala afirma que os pregos presentan carencias tan graves que «fundadamente» poden vulnerar dereitos laborais básicos, ao non fixar nin a ratio monitor/menores, nin criterios para a atención ás necesidades educativas especiais (NEE), nin garantías de prevención de riscos, nin grupos de idade. Todo isto, nun servizo dirixido á infancia.

    Para o sindicato, esta resolución é «unha evidencia dunha xestión irresponsable e temeraria» da Concellaría de Igualdade e supón «unha desautorización total». «O TSXG confirma o que levamos meses denunciando: os pregos eran un perigo para a calidade do servizo e para os dereitos laborais. A concellaría tentou tapalo impedindo o recurso, e agora a Xustiza pona no seu sitio».

    A sentenza impón as custas procesuais ao Concello, o que para CCOO implica «un tirón de orellas contundente». Trátase de «diñeiro público malgastado por defender o indefendible». «Non só fixeron uns pregos deficientes, senón que gastaron cartos públicos en defender unha actuación irregular. Agora pagarán as consecuencias».

    Ante esta situación, Comisións Obreiras esixe a modificación urxente dos pregos; garantías laborais reais para o persoal e responsabilidades políticas na Concellaría de Igualdade. «Lugo non merece unha concellaría que recorta dereitos laborais e tapa erros. Merece unha que cumpra coa lei e respecte as persoas», sentencia o sindicato.