Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO Servizos critica o bloqueo das patronais do comercio de alimentación a un convenio galego

    O sindicato salienta que un marco único autonómico remataría coas desigualdades nas condicións de traballo e estabilizaría o sector.

    04/12/2025.
    Supermercado

    Supermercado

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia, tras a solicitude de apertura dun diálogo a través do Consello Galego de Relacións Laborais, lamenta profundamente a negativa da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e das asociacións empresariais do comercio de alimentación a avanzar na negociación dun convenio colectivo de ámbito galego, que estabilizaría as relacións laborais de arredor de 25 000 persoas traballadoras.

    Para CCOO, a postura das patronais supón desaproveitar unha oportunidade histórica para dotar o sector dun marco regulador único, moderno e adaptado á realidade actual dun tecido empresarial e laboral que funciona de forma cada vez máis integrada no ámbito autonómico. O sector emprega a 25 000 persoas traballadoras, sometidas a unha fragmentación negociadora que xera diferenzas e incertezas innecesarias.

    A negativa da patronal baséase en argumentos que, a xuízo de CCOO, non se sosteñen nin responden aos retos reais do sector. Levar máis de 40 anos negociando convenios provinciais non pode ser unha razón para impedir avances. Precisamente, esta fragmentación histórica é unha das causas das desigualdades salariais, das diferenzas nas condicións laborais e da falta de cohesión nun sector estratéxico para Galicia.

    Un mapa desigual e inxusto

    Por outra banda, a existencia de vixencias diferenciadas entre convenios provinciais é un argumento técnico facilmente salvable, como xa se demostrou noutros sectores. Así mesmo, a ausencia dunha federación empresarial galega non é un impedimento real: é responsabilidade das propias organizacións empresariais dotarse dos instrumentos necesarios se existise vontade negociadora.

    En resumo, as diferenzas entre convenios deberían ser precisamente un incentivo para avanzar cara á harmonización e evitar un mapa laboral desigual e inxusto.

    CCOO considera que a patronal pecha a porta ao diálogo antes sequera de abrilo, negándose a explorar un marco máis eficiente que permitiría resolver moitos dos problemas actuais: dispersión normativa, inseguridade xurídica, dificultade para coordinar procesos de negociación e falta de respostas estables ás transformacións do sector.

    O sindicato salienta que un convenio autonómico facilitaría as relacións laborais, dotaría de maior estabilidade as empresas, reforzaría a competencia leal e ofrecería mellores condicións laborais nun sector caracterizado por baixos salarios, alta temporalidade e unha forte presión organizativa.

    CCOO insta as patronais formadas por Gadisa, Froiz, Cuevas, etc. a rectificar esta posición inmobilista, abrir un proceso serio de diálogo e asumir que Galicia necesita marcos de negociación acordes coa dimensión real dos seus sectores produtivos. O inmobilismo non é unha opción para un sector clave para o país.