Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO reúnese co movemento Sumar de Galicia para abordar as «prioridades» da sociedade galega

    Mantiveron unha reunión en Vigo e coincidiron nas críticas ás políticas económicas, laborais e orzamentarias da Xunta de Galicia. 

    05/12/2025.
    Reunión Movimiento Sumar e CCOO Galicia (Vigo 11/2025)

    Reunión Movimiento Sumar e CCOO Galicia (Vigo 11/2025)

    CCOO Galicia e o movemento Sumar de Galicia mantiveron unha reunión en Vigo para analizar as prioridades da sociedade galega e os principais problemas que afectan á cidadanía. A representación de ambas as formacións estivo encabezada pola secretaria xeral de CCOO-Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e a voceira de Sumar no Congreso dos Deputados, Verónica Martínez Barbero.

    Críticas á situación económica e orzamentaria

    Ambas as organizacións coinciden na preocupación pola economía galega, lembrando que o crecemento do produto interior bruto (PIB) é menor que no resto de España, o que se traduce directamente en salarios máis baixos. Amelia Pérez manifestou a súa inquietude polo risco real de «pobreza laboral», que afecta a 125 759 persoas en Galicia, o que representa o 11,14 % da poboación traballadora. Neste contexto, ambas as formacións coinciden na crítica aos orzamentos autonómicos por consideralos insuficientes en materia de vivenda e políticas sociais.

    Demandas urxentes en política económica e laboral

    Para abordar esta situación de desigualdade social, Amelia Pérez salientou a necesidade de reverter a «procura desmedida de ganancias» por parte das empresas, unha práctica que a miúdo prefire o enriquecemento sobre o benestar social ou laboral e que está a «deteriorar a cohesión social» e fai a sociedade máis inxusta e desigual.

    Neste marco, as formacións coincidiron en seguir traballando na modificación da Lei de desindexación, para permitir subas salariais en contratos públicos que superen o índice de prezos ao consumo (IPC) e introducir cláusulas de revisión de prezos que inclúan a man de obra para que os soldos poidan axustarse mellor. 

    CCOO reafirmou que seguirá traballando na liña do incremento do salario mínimo interprofesional (SMI) e a redución da xornada, malia a recente perda da votación no Congreso. 

    Chamamento á Xunta sobre vivenda e pobreza laboral

    Ambas as organizacións coinciden en instar a Xunta de Galicia a «facer uso das súas competencias» para evitar que a ameaza da pobreza laboral se converta nun problema máis grave. O Goberno galego ten unha «notable marxe de actuación» regulando o mercado da vivenda, cuns prezos que parecen non coñecer límites, «fomentando a declaración de zona tensionada por parte dos concellos e deixando de boicotear, como se esta facendo agora», afirmou Amelia Pérez. 

    Finalmente, coincidiuse na necesidade de dar prioridade á política de coidados e a defensa da sanidade pública.