Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Decembro 2025.

O seguimento do 100 % da folga en ENCE-Pontevedra paraliza a fábrica

    Unha parte do persoal desprazouse a Santiago para esixir unha reunión co presidente da Xunta, que non atendeu a reclamación

    09/12/2025.
    Protesta do cadro de persoal de ENCE-Pontevedra perante a sede da Xunta.

    Protesta do cadro de persoal de ENCE-Pontevedra perante a sede da Xunta.

    A xornada de folga convocada para este martes polo comité de empresa de ENCE-Pontevedra, integrado por CCOO, UGT e CIG, tivo un seguimento total por parte das persoas traballadoras, o que implicou a paralización da fábrica. O cadro de persoal mantén así o seu rexeitamento ao ERE que a dirección pretende impoñer.

    Tras lograr parar as instalacións de Lourizán, unha parte do persoal desprazouse a Santiago de Compostela e manifestouse perante a sede da Xunta de Galicia en San Caetano. O comité de empresa esíxelle á Administración autonómica que faga valer os compromisos asumidos en materia de emprego, investimento e continuidade industrial e que obrigue a Ence a respectar o prometido.

    A representación do persoal da fábrica tamén reclamou manter unha audiencia co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha petición que, malia ser solicitada por rexistro, non foi atendida. «Nin deu sinais de vida sabendo que viñamos», criticou o secretario do comité de empresa, Omar Vázquez, de CCOO.

    Ao longo das próximas xornadas, o comité de empresa decidirá a convocatoria de novas accións de protesta, ante «a mala fe» que está a manter a dirección da empresa na negociación do despedimento colectivo. O período de negociación remata o próximo día 20 de decembro e hai reunións axendadas para os días 11, 17 e 18, pero dados os nulos avances acadados na mesa ata agora e a actitude da parte empresarial, desde o comité de empresa non se desbota unha prolongación do conflito.

    O representante de CCOO lembrou os motivos da protesta: ENCE incumpriu «reiteradamente» os compromisos adquiridos tras lograr a seguridade xurídica para continuar en Pontevedra e os investimentos anunciados non chegaron. Ademais, o plan Pontevedra Avanza continúa paralizado e mesmo se incumpriu o pactado en materia de seguridade e saúde laboral.