Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 2 Abril 2026.

CCOO denuncia o bloqueo da negociación colectiva e a deterioración dos servizos públicos no Concello do Grove

    As organizacións sindicais abren este xoves unha xeira de concentracións semanais para protestar pola situación

    11/12/2025.
    Concentración ante o Concello do Grove, este xoves.

    Concentración ante o Concello do Grove, este xoves.

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Arousa denuncia a grave situación laboral e organizativa que se vive no Concello do Grove, consecuencia directa do bloqueo sistemático da negociación colectiva por parte do Goberno municipal e dunha política de persoal claramente insuficiente.

    Na actualidade, o Concello mantén un número significativo de postos sen cubrir no seu cadro de persoal, o que está a provocar unha sobrecarga constante de traballo nos servizos municipais. As traballadoras e traballadores vense obrigados a realizar numerosas horas extraordinarias, a dobrar quendas e a asumir funcións alleas ás súas categorías profesionais, cun impacto directo na súa saúde física e psicosocial. Esta situación está a xerar estrés laboral, esgotamento e un deterioro progresivo da calidade dos servizos que se prestan á cidadanía.

    A isto súmase o bloqueo absoluto da negociación colectiva, que está levando ao persoal municipal a recorrer de maneira reiterada á vía xudicial para que se lles recoñezan dereitos básicos. Na actualidade, o Concello acumula unha quincena de demandas interpostas polo seu propio persoal, con numerosas sentenzas favorables en cuestións como o recoñecemento de trienios, reclasificacións profesionais e outras condicións laborais.

    Resulta especialmente grave que, malia estas resolucións xudiciais, o Concello chegue incluso a recorrer sentenzas xa perdidas, incrementando innecesariamente o gasto público en custas xudiciais e honorarios de avogacía, que finalmente son asumidos pola veciñanza.

    Desde as organizacións sindicais advertimos que esta forma de actuar supón unha xudicialización das relacións laborais e unha clara vulneración do dereito á negociación colectiva, motivo polo que se están a dar os pasos necesarios para a presentación dun conflito colectivo.

    Paralelamente, resulta profundamente preocupante que, mentres non se cobren as prazas vacantes nin se melloran as condicións de traballo, o Concello estea a iniciar tramitacións orientadas á privatización de servizos municipais, unha medida que supón unha perda de control público, unha clara merma na calidade dos servizos e un incremento do custo económico para a administración, especialmente nun contexto de forte subida xeneralizada dos prezos.

    Concentracións

    Ante esta situación, as traballadoras e traballadores municipais, xunto coas organizacións sindicais, convocaron unha concentración este 11 de decembro diante do Concello do Grove, que foi a primeira dunha serie de mobilizacións que se repetirán todos os venres, de 10:00 a 10:30 horas, fronte á Casa do Concello. Trátase dunha convocatoria aberta á cidadanía, coa vontade de visibilizar a situación dos servizos públicos municipais e de contar co apoio de todas aquelas persoas que aposten por unha administración pública de calidade.

    Desde CCOO queremos deixar claro que non se están a reclamar subidas salariais, senón condicións de traballo dignas que permitan prestar uns servizos públicos eficientes, accesibles e de calidade á veciñanza. CCOO considera inaceptable que un goberno municipal que se define como progresista e de esquerdas, encabezado polo PSOE, manteña este bloqueo da negociación colectiva, permita a sobrecarga do seu persoal e abra a porta á privatización de servizos públicos esenciais. A defensa do público pasa necesariamente por planificar persoal, negociar de boa fe e respectar os dereitos laborais.

    Desde a FSC-CCOO esiximos ao Concello do Grove que desbloquee de inmediato a negociación colectiva, cubra as prazas vacantes, poña fin á xudicialización das relacións laborais e descarte calquera intento de externalización dos servizos públicos. A cidadanía merece unha administración eficaz, responsable e comprometida co ben común.