Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO reúnese coa Inspección de Traballo para reclamar máis vixilancia e máis saúde laboral

    A Federación de Servizos presenta unha serie de medidas «imprescindibles» para que o Plan de Actuación 2026 garanta condicións laborais seguras e dignas

    11/12/2025.
    Iván Cordeiro, da Federación de Servizos de CCOO

    Iván Cordeiro, da Federación de Servizos de CCOO

    A Federación de Servizos de CCOO Galicia, representada por Iván Cordeiro e acompañada pola secretaria de Organización do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Maica Bouza, mantivo unha reunión coa Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia. A xuntanza estivo encabezada polo director territorial, Demetrio Ángel Fernández López.

    No encontro, CCOO presentou as súas propostas para o Plan de Actuación da Inspección de Traballo de 2026, unhas liñas centradas en reforzar o control, a vixilancia e a protección da saúde laboral e dos dereitos das persoas traballadoras. Estas prioridades cobran especial relevancia nos sectores dos servizos —hostalería, comercio, contact center, sector financeiro, mutuas e outros—, onde aínda persisten problemas como a precariedade, as cargas de traballo excesivas e os incumprimentos en materia de prevención.

    As propostas trasladadas puxeron o foco en dous eixes principais: máis prevención e saúde laboral e un control máis estrito da contratación.

    No primeiro eido, CCOO reclamou un reforzo das campañas de prevención de riscos, con especial atención aos riscos psicosociais e aos trastornos musculoesqueléticos, en particular en sectores moi feminizados e con tarefas repetitivas.

    Canto á cuestión da contratación, o sindicato esixiu un seguimento máis rigoroso para combater a fraude laboral, o mal uso da parcialidade e outras prácticas irregulares. O obxectivo é garantir contratos axeitados, reais e estables.

    A Inspección comprometeuse a estudar polo miúdo todas as propostas e avaliar cales se poden incorporar ao Plan de Actuación 2026, analizando o seu impacto e viabilidade.

    Medidas imprescindibles

    CCOO Servizos considera estas medidas imprescindibles e salienta que un plan de inspección forte é clave para asegurar: condicións de traballo seguras; emprego estable e digno; e unha vixilancia efectiva contra a precariedade e o abuso empresarial.

    O sindicato insiste en reforzar estas liñas para que a Inspección de Traballo cumpra plenamente o seu papel como garante dos dereitos laborais e da saúde laboral das persoas traballadoras.