Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO denuncia que a Xunta marxina a atención primaria e perpetúa o desmantelamento do sistema público

    O sindicato, que participou na concentración de SOS Sanidade Pública ante o Parlamento, acusa o Sergas de manter un modelo «hospitalo-céntrico» no que só un 14,3 % do orzamento vai para a atención primaria

    16/12/2025.
    Protesta ante o Parlamento de Galicia, a mañá deste martes.

    Protesta ante o Parlamento de Galicia, a mañá deste martes.

    A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia denunciou este martes que a Xunta de Galicia, nos orzamentos para 2026 que acaba de aprobar, incrementa a marxinación da atención primaria, á que só dedica un 14,3 % do total do orzamento en materia sanitaria. Os 786 millóns dedicados a esa partida supoñen, de feito, un –0,3 % con respecto ao ano anterior, unha vez descontada a inflación prevista.

    A porcentaxe de gasto en atención primaria queda dez puntos porcentuais por debaixo do 25 % recomendado, mentres que se mantén a orientación «hospitalo-céntrica e curativa». En total, o gasto hospitalario supón o 65 % do total e crece un 1,4 %, descontada a inflación.

    «A Xunta aposta un ano máis por perpetuar a precariedade e o desmantelamento do sistema público para favorecer o privado», denuncia CCOO, que salienta que o orzamento sanitario crece tan só un 3,5 %, unha suba que minguaría a un 1,4 % se se desconta a inflación prevista, arredor do 2,2 %. O sindicato participou na concentración de SOS Sanidade Pública ante o Parlamento.

    Mentres tanto, o gasto sanitario privado en Galicia xa representa o 38,4 % do total, cun 17 % da poboación que xa ten contratados seguros privados. Ao tempo, crecen os concertos e o concerto singular con Povisa acada case os 100 millóns de euros anuais.

    Todo iso nun contexto de crise do sistema sanitario público en Galicia, co incremento das barreiras para acceder á atención primaria, con medias de espera de arredor dos dez días; o aumento e falseamento das listas de agarda; a suba da mortalidade evitable; as novas epidemias (para prevención destínase un 0,3 %, cunha caída do 20 % con respecto a 2025); ou a ausencia dunha política de investigación, á que só se dedica un raquítico 0,5 % do orzamento.