Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO denuncia a Prosegur ante a Inspección de Traballo tras unha agresión grave a un vixilante no Hospital de Oza

    CCOO Hábitat e CIG concentraranse o próximo venres diante da empresa

    16/12/2025.
    A agesión ocorreu no CHUAC

    A agesión ocorreu no CHUAC

    CCOO Hábitat Galicia presenta unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a empresa Prosegur Soluciones Integrales de Seguridad España, S. L. pola agresión extremadamente grave sufrida por un vixilante de seguridade no Hospital de Oza (A Coruña), onde un paciente da unidade de psiquiatría mordeu e arrincoulle o lóbulo da orella ao traballador durante a prestación do servizo.

    O sindicato denuncia que a agresión era previsible e evitable, xa que o día anterior o mesmo paciente protagonizara episodios violentos, tirando cadeiras e xerando unha situación de risco evidente, sen que se adoptasen medidas preventivas adicionais nin se reforzase o dispositivo de seguridade.

    Para CCOO, estes feitos evidencian un fallo grave na xestión da prevención de riscos laborais, ao non se avaliar nin xestionar adecuadamente o risco de violencia extrema nunha unidade psiquiátrica, un ámbito no que este tipo de episodios non poden considerarse feitos fortuítos.

    «Cando existe un risco coñecido e manifestado, a empresa está obrigada a actuar. Aquí non se fixo nada e o resultado foi unha lesión gravísima. Isto non é mala sorte, é mala prevención», sinala CCOO.

    O sindicato subliña que non é un caso illado, senón un problema estrutural que afecta á seguridade privada en centros sanitarios, onde os traballadores e traballadoras asumen riscos extremos sen formación suficiente, sen protocolos operativos claros e sen medios axeitados.

    Por este motivo, CCOO solicitou á Inspección de Traballo que investigue as condicións preventivas do servizo de seguridade no Hospital de Oza e do CHUAC en xeral, a avaliación de riscos existente, a formación impartida ao persoal, a organización do servizo e o cumprimento do dereito a interromper a actividade ante situacións de risco grave.

    «A violencia non forma parte do traballo. Nin na seguridade privada nin en ningún sector. As agresións non se xestionan con resignación, senón con prevención», advirte o sindicato.

    Concentración

    CCOO anuncia que seguirá impulsando accións de denuncia e control para que as empresas adopten medidas reais e urxentes fronte á violencia, e para que as Administracións públicas asuman a súa responsabilidade na protección das persoas traballadoras nos centros sanitarios.

    Por todos estes motivos, CCOO e CIG concentraranse o próximo venres, 19 de decembro, de 11:00 a 12:00 diante da empresa Prosegur para esixir que paren as agresións, ante o aumento destas situacións dende que a empresa leva o servizo de vixilancia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.