Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO aclara as inexactitudes sobre a folga en Vegalsa-Eroski na Coruña

    Os representantes da CIG non poden presentarse como a posición unánime do comité de empresa

    18/12/2025.
    Concentración diante da franquía de Eroski en Ponteceso, en xaneiro deste ano

    Concentración diante da franquía de Eroski en Ponteceso, en xaneiro deste ano

    Ante as informacións publicadas na prensa en relación coa folga convocada en centros de Vegalsa-Eroski na provincia da Coruña, CCOO considera necesario facer aclaracións para evitar que se consoliden afirmacións que non se axustan á realidade.

    É fundamental salientar que as declaracións realizadas publicamente por representantes da CIG non se efectúan en nome do comité de empresa de Vegalsa-Eroski, nin poden presentarse como a posición unánime deste. O comité de empresa de Vegalsa-Eroski está integrado por delegados e delegadas da CIG, CCOO e FETICO. Ningunha persoa pode atribuírse a representación do conxunto do órgano, se non existe un acordo expreso e debidamente acreditado de todas as organizacións que o compoñen.

    Non existe unanimidade no comité

    É rotundamente falso que a folga conte coa unanimidade do comité de empresa. A CIG non ten a maioría absoluta nese comité, polo que carece de lexitimidade para presentar a súa posición como maioritaria e, moito menos, como unánime. Confundir a postura dunha parte coa do conxunto da representación legal das persoas traballadoras supón unha falta de rigor que debe ser corrixida.

    Salarios por riba do convenio provincial

    Así mesmo, estase a faltar á verdade ao afirmar que os salarios de Vegalsa-Eroski se sitúan por debaixo do convenio provincial. A empresa réxese por un convenio colectivo propio. Este convenio propio establece unha xornada anual inferior á do convenio provincial e unha retribución salarial global superior, se se ten en conta o conxunto dos conceptos retributivos. Presentar comparacións parciais ou incorrectas induce a erro e non reflicte fielmente as condicións laborais reais.

    Respecto ao dereito de folga, rexeitamento ás inexactitudes

    Sen prexuízo do anterior, Vegalsa-Eroski non entra a valorar a lexitimidade da convocatoria de folga, xa que cada organización sindical está plenamente facultada para promover as mobilizacións que considere oportunas. Non obstante, resulta inaceptable facelo sobre a base de afirmacións inexactas ou atribuírse unha representatividade que non se corresponde coa realidade do comité de empresa. A defensa dos dereitos laborais esixe rigor, transparencia e respecto á pluralidade sindical existente nos centros de traballo.