Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

O sindicatos expresan a súa profunda preocupación pola situación dos servizos públicos no Concello do Grove

    O persoal municipal, co apoio de CCOO, CIG, UGT e CSIF, convocou unha concentración diante da Casa do Concello

    19/12/2025.
    Protesta ante a Casa do Concello, este venres 19 de decembro

    Protesta ante a Casa do Concello, este venres 19 de decembro

    As organizacións sindicais —CCOO, CIG, CSIF e UGT— trasladámoslle á cidadanía a nosa profunda preocupación pola situación laboral e organizativa que atravesan os servizos públicos municipais do Concello do Grove, consecuencia dunha planificación de persoal insuficiente e carente dunha perspectiva real das necesidades actuais e futuras.

    Esta realidade vese especialmente agravada durante os meses de maior afluencia turística: a poboación do Grove multiplícase con respecto ao inverno, sen que por iso se reforcen de forma adecuada os cadros de persoal. Esta carencia impacta negativamente na calidade dos servizos e recae directamente sobre a saúde física e psicosocial das persoas traballadoras, que asumiron de forma habitual sobrecarga de labores, horas extraordinarias e tarefas alleas ás súas funcións.

    Sumado a isto, aínda que existen instrumentos legais para reforzar os cadros de persoal, como a flexibilización ou supresión da taxa de reposición de efectivos no sector público —medida na que se está a avanzar en 2025, precisamente para permitir a contratación máis aló das baixas tradicionais— a súa execución efectiva nas Administracións locais segue a ser insuficiente para cubrir as necesidades do concello do Grove.

    A ausencia de avances reais na negociación colectiva está a xerar unha xudicialización continuada das relacións de emprego, con distintas sentenzas favorables ao recoñecemento de dereitos básicos que non se están a aplicar con celeridade, o que supón un uso ineficiente dos recursos públicos.

    Preocupación pola seguridade cidadá

    No ámbito da seguridade pública, preocupa especialmente a falta de efectivos da Policía local durante a época estival e a recente supresión dos auxiliares de Policía Local sen substitución inmediata, o que incrementa a carga de traballo do persoal e xera risco na prestación deste servizo esencial.

    Paralelamente, observamos con inquietude a apertura de procedementos que poden conducir á externalización de servizos municipais, unha vía que non atende ás causas estruturais que provocan as dificultades actuais e que pode supor un incremento de custos e unha mingua de control e calidade no servizo.

    Mobilizacións e chamada ao apoio cidadán

    Ante esta situación, o persoal municipal, co apoio de CCOO, CIG, UGT e CSIF, convocou unha concentración este venres, día 19, diante da Casa do Concello do Grove, e continuará convocando concentracións cada venres no mesmo horario e lugar, abertas á participación da cidadanía.

    O obxectivo é visibilizar a situación dos servizos públicos locais e sumar o apoio de todas aquelas persoas que apostan por unha Administración pública de calidade.

    Queremos subliñar que non se están reclamando subas salariais, senón condicións de traballo dignas e unha planificación de persoal que garanta a prestación de servizos eficaces, accesibles e en condicións óptimas para a saúde laboral das persoas que os prestan.

    Instamos o Goberno municipal a desbloquear de inmediato a negociación colectiva, iniciar un proceso de planificación do cadro de persoal que supere as limitacións actuais, cubrir as prazas vacantes e descartar calquera forma de externalización que non se basee nun debate transparente coas organizacións sindicais e coa cidadanía.

    A veciñanza do Grove merece uns servizos públicos eficientes, responsables e comprometidos co ben común. Defender o público tamén é coidar das persoas que o fan posible.