Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Decembro 2025.

Vídeo resumo da xornada: «Informe sobre o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia»

    Pesca e eólica mariña: diálogo para unha coexistencia posible en Galicia

    31/10/2025.

    URL | C�digo para insertar

    Nun mundo plural, diverso e moitas veces polarizado, crear foros de encontro e debate sobre asuntos con posicións distintas, vénse convertendo en accións de risco. Afirmamos isto porque tras a presentación, nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela, do informe sobre o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia — tanto terrestre como mariña — cuestionouse por un participante nun periódico, a posición de CCOO en relación co sector pesqueiro. 

    Este informe, elaborado ao longo de 2025, baseouse nun proceso amplo e plural de participación, que incluíu entrevistas a persoas expertas e a celebración de cinco obradoiros de debate. Neles participaron representantes da Xunta de Galicia, concellos, organizacións ecoloxistas, agrarias e de comunidades de montes, empresas, universidades (Vigo e Santiago de Compostela) e o propio sindicato.

    Un dos principais valores deste proceso, recoñecido pola maioría das persoas e entidades participantes, foi a aposta polo diálogo entre posicións e intereses diversos. Nun contexto de elevada polarización social, o intercambio de argumentos e a procura de puntos de encontro resultan fundamentais para avanzar, aínda que sexa de maneira parcial, cara a consensos razoables. Cómpre subliñar, non obstante, que as conclusións e propostas recollidas no informe expresan exclusivamente a posición da Fundación 1º de Maio e de CCOO.

    A pesca, un sector estratéxico para Galicia

    O sector pesqueiro, xunto coa industria conserveira e outras actividades asociadas, desempeña un papel esencial na soberanía alimentaria do país. A pesar das múltiples incertezas e desafíos aos que se enfronta, continúa a ser un piar económico e social de primeira orde en Galicia, cunha achega aproximada de 9.000 millóns de euros ao PIB e preto de 31.000 empregos directos. A conservación destes postos de traballo e a mellora das súas condicións laborais son claves para garantir a remuda xeracional e a viabilidade futura do sector.

    A eólica mariña e o seu potencial industria

    lParalelamente, a enerxía eólica mariña conta xa en Galicia cunha cadea de valor industrial relevante: fabricantes, centros de I+D, enxeñarías, construción de estruturas flotantes, así como estaleiros e portos capacitados para a montaxe e almacenamento das instalacións. Ata o de agora, esta capacidade orientouse principalmente á exportación, mais podería experimentar un crecemento significativo se se desenvolvesen parques eólicos mariños en zonas axeitadas do litoral galego.

    Incertezas, coñecemento científico e toma de decisións

    É certo que persisten incertezas sobre a afección real da eólica mariña á actividade pesqueira. O recente informe do Instituto Español de Oceanografía sobre o sector potencialmente afectado non resulta concluínte, xa que parte dun escenario de ocupación do 100% das Zonas de Alto Potencial Eólico, unha hipótese que non se corresponde coa realidade previsíbel. Ademais, é necesario afondar na análise do impacto sobre a frota artesanal, a localización dos caladoiros nacionais e os efectos a medio e longo prazo sobre os recursos pesqueiros.

    Existen tamén interrogantes en relación coa biodiversidade mariña e as aves, que requiren máis esforzo de investigación e seguimento científico. Porén, no contexto actual de emerxencia climática e co coñecemento dispoñíbel, resultaría irresponsábel formular unha moratoria xeneralizada a todos os proxectos de eólica mariña. O que si resulta imprescindíbel é tomar decisións prudentes, baseadas en datos, planificación e avaliación rigorosa.

    Planificación e avaliación ambiental como ferramentas clave

    Galicia conta cunha planificación vixente do espazo marítimo (POEM 2023-2026), elaborada tras varios anos de diálogo cos distintos sectores implicados. Aínda que este instrumento se atopa agora en proceso de revisión para mellorar algúns dos seus aspectos, xa identifica determinadas zonas (ZAPER) susceptíbeis de albergar instalacións eólicas mariñas.

    A definición concreta destes espazos debe apoiarse en procedementos estritos de avaliación de impacto ambiental para cada proxecto, co obxectivo de minimizar a afección á actividade pesqueira e evitar impactos graves sobre a biodiversidade. Estes procesos deben incorporar tamén a consideración dos aspectos sociais e económicos implicados.

    Diálogo para unha transición xusta

    Avanzar no coñecemento científico dos ecosistemas mariños e reforzar os mecanismos de participación son condicións indispensables para acadar unha transición enerxética xusta. Se estes procesos se desenvolven con transparencia, rigor e a implicación de todas as partes concernidas, é posíbel compatibilizar a pesca co desenvolvemento da eólica mariña en Galicia, garantindo tanto a protección do medio mariño como o emprego e a actividade económica.

    Armando Iglesias Rodríguez: Secretario de Acción Sindical, Saúde Laboral e Medio Ambiente CCOO de Galicia

    👉 Cronica da xornada CCOO destaca a importancia dun desenvolvemento eólico socialmente xusto e baseado no diálogo

    Documentación asociada
    Documentación asociada