Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO logra un acordo histórico co Concello de Santiago para elaborar a súa primeira relación de postos de traballo

    Policías locais e bombeiros ratifican o borrador de pacto negociado nas últimas semanas, que tamén permite unha importante subida na gratificación das horas extra

    23/12/2025.
    A negociación prolongouse varias semanas

    A negociación prolongouse varias semanas

    O Concello de Santiago contará coa primeira relación de postos de traballo (RPT) da súa historia grazas a negociación que nas últimas semanas liderou CCOO co respaldo de UGT. O borrador de acordo ao que se chegara a semana pasada foi ratificado o domingo polos bombeiros e onte pola noite polos policías locais, de xeito que só falta pechar os termos do documento e a súa sinatura entre as partes.

    O proceso de elaboración da RPT xa está en marcha a cargo do grupo de investigación en Recursos Humanos e Rendemento da Universidade de Santiago de Compostela e prevese que a súa tarefa remate en xuño de 2026.

    A partir dese traballo metodolóxico, o Concello a a representación sindical crearán un grupo de traballo para culminar a RPT, co compromiso de aprobala e que os seus efectos se poidan aplicar con data do 1 de xaneiro de 2026. Para isto, o equipo de goberno comprométese a dotar nos orzamentos de 2026 unha partida que permita culminar os axustes retributivos que se deriven da RPT.

    As partes consideran que a nova relación de postos de traballo constitúe o instrumento idóneo para a consecución de tres obxectivos: axustar o número de postos á necesidades de cada servizo, racionalizando a organización e mellorando a distribución do traballo; determinar as características, requisitos e circunstancias específicas de cada posto; e fixar as retribucións complementarias que correspondan.

    Servizo extraordinarios

    O preacordo ratificado tamén recolle melloras no eido dos servizos extraordinarios, que están na orixe do conflito dos últimos meses. O concello comprométese a reducir de xeito progresivo a necesidade de realización de servizos extraordinarios por parte do persoal. Ademais, desde o 1 de xaneiro de 2026, haberá unha subida na contía das gratificacións das horas extra de, aproximadamente, un 25 %.

    Sobre o traballo en días festivos, acórdase que a RPT identifique aqueles postos que deban prestar servizos de maneira ordinaria en días festivos, ben por estaren sometidos a quendas cíclicas, ou ben por se tratar de postos que prestan servizo de luns a venres, incluíndo os días festivos que correspondan. Esa información debería estar dispoñible en marzo de 2026 e debe ser comunicada á representación sindical.

    Unha vez dados eses pasos, promoverase a inclusión no complemento específico das que contías que se viñan percibindo como gratificacións por festividade, logo de promediar o resultado dos postos que actualmente poderían percibir aquel concepto.

    O pacto tamén recolle a creación, no primeiro semestre de 2026, dunha comisión para a revisión do Acordo Regulador-Convenio Colectivo para a súa posible modificación. Este documento ten unha vixencia de máis de 15 anos, polo que resulta necesario proceder á súa actualización co fin de adecualo ás necesidades actuais, ao marco normativo vixente e á xurisprudencia aplicable.