Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Xaneiro 2026.

Firme condena ao ataque de Donald Trump a Venezuela

    CCOO e UGT denuncian que o uso unilateral da forza militar contra un Estado soberano supón unha vulneración do dereito internacional e da Carta das Nacións Unidas.

    03/01/2026.
    Operación bélica despregada en Venezuela

    Operación bélica despregada en Venezuela

    CCOO e UGT advirten de que o uso unilateral da forza militar contra un Estado soberano supón unha inxerencia inaceptable e unha grave vulneración do dereito internacional e dos principios recolleitos na Carta das Nacións Unidas Madrid, 3 de xaneiro 

    Desde a súa posición sindical comprometida coa paz, a xustiza social e a solidariedade internacional, Comisións Obreiras, CCOO, e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores, UGT, condenan os bombardeos levados a cabo hoxe por Estados Unidos en territorio da República Bolivariana de Venezuela, así como o secuestro do seu presidente, Nicolás Maduro. O uso unilateral da forza militar contra un Estado soberano supón unha grave vulneración do dereito internacional e dos principios recolleitos na Carta das Nacións Unidas. 

    Este tipo de accións, á marxe dos mecanismos multilaterais e do sistema de Nacións Unidas, debilitan a orde internacional baseada en normas, erosionan a legalidade internacional e poñen en risco a estabilidade rexional e global. A inxerencia militar non contribúe á resolución dos conflitos nin á mellora das condicións de vida da clase traballadora de Venezuela, senón que agrava as tensións e o sufrimento da poboación civil. 

    A operación bélica de hoxe, que foi precedida por meses de despregamento militar na zona, baixo o pretexto de loitar contra o narcotráfico e a suposta complicidade de Maduro, realmente é a invasión imperialista dun estado soberano para facerse co petróleo e os recursos venezolanos, e o regreso do relato de que América Latina e o Caribe, son o patio traseiro de Estados Unidos. 

    Ante esta fragrante vulneración do dereito internacional, a comunidade internacional non pode manterse en silencio. A Unión Europea, consonte os principios da súa política exterior debe contribuír a resolver conflitos e promover o entendemento internacional a través de diplomacia e o respecto das normas internacionais. 

    As dificultades económicas, sociais e laborais que atravesa Venezuela deben ser abordadas mediante solucións políticas, diálogo social e procesos soberanos, sen presións externas nin intervencións armadas. A defensa dos dereitos humanos, do traballo decente e da democracia non pode facerse desde a guerra nin desde a imposición. Desde o movemento sindical internacional, e en coherencia cos principios defendidos por CCOO, UGT e polas organizacións sindicais das Américas agrupadas na Confederación Sindical das Américas (CSA), reafirman o seu compromiso coa autodeterminación dos pobos, a resolución pacífica dos conflitos e o fortalecemento do multilateralismo. 

    A Organización Internacional do Traballo, o diálogo social e a cooperación internacional deben ser ferramentas centrais para avanzar cara a sociedades máis xustas e igualitarias. Así mesmo, UGT e CCOO condena e advirte da lóxica belicista, a utilización da forza como instrumento de política exterior e voluble unilateralismo do que fai gala o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. 

    Fronte á escalada militar e ao ton bronco, CCOO e UGT avogan e defenden a vía diplomática, máis diálogo e máis solidariedade entre os pobos. A paz é unha condición indispensable para a xustiza social e para a defensa dos dereitos da clase traballadora en todo o mundo.